A recadación das bebidas da festa, incluída no ciclo Día de Galicia, destinarase a Cáritas
A Festa dos Avós de Fene pon o acento na convivencia entre maiores e pequenos
A cita celebrarase este xoves ás 20 h na praza do Alcalde Ramón Souto González e, a partir das 22,30 h, actuación da orquestra La Trova Coruñesa
11-07-2019
Festa por todo o alto este xoves en Fene. O Concello convida a nen@s e maiores a participar na Festa dos Avós, incluída no ciclo Día de Galicia. Un espazo de convivencia e encontro interxeneracional que arrancará ás 20 horas na praza do Alcalde Ramón Souto González e baixo carpa. Nela repartiranse gratuitamente racións –con churrasco, bola, empanada e botella de auga- ata rematar existencias. Terá tamén un marcado carácter solidario, xa que a recadación das bebidas destinarase a Cáritas e, ademais do reclamo gastronómico, na zona habilitaranse inchables para os máis pequenos da casa.
A festa continuará ata ben entrada a madrugada, xa que ao remate da degustación, sobre as 22,30 horas, a orquestra La Trova Coruñesa ofrecerá o seu mellor repertorio nun espectáculo que leva por título “Sabor a Min”.
Dende o Concello, e dado o éxito rexistrado en edicións anteriores, lémbrase aos asistentes que, por razóns de espazo, as mesas e as cadeiras son limitadas e ocuparanse a partir das 19,45 horas por orde de chegada; que é preciso ocupar as cadeiras de forma presencial e que non está permitido darlles a volta nin ocupalas con bolsas e outros obxectos; pídese facilitar o acceso das persoas maiores ou con problemas de mobilidade, e deixar libres mesas e cadeiras cando se remate de xantar e tirar o lixo nos colectores.
A programación do ciclo Día de Galicia deseñada polo Concello conta coa colaboración da Deputación, a través da Rede Cultural, e da Xunta, a través de Agadic.