O Concello pecha así, por todo o alto, o ciclo Día de Galicia
De Vacas trae este venres ao Concello de Fene o seu “Tour vacanal 2019”
Será a partir das 22 h na praza do Alcalde Ramón José Souto González e, previamente, ás 20,30 horas, Laura Bouza, de LauDas Calamity, dará lectura á declaración institucional no Monumento Día
12-07-2019
O ciclo Día de Galicia, deseñado polo Concello de Fene para conmemorar tan sinalada data, chegará hoxe, venres 12, á súa útima xornada. E farao por todo o alto. A programación comezará ás 20,30 horas coa lectura da Declaración Institucional no Monumento Día da Patria Galega a cargo de Laura Bouza, responsable de LauDas Calamity. Laboratorio de Creación Artística.
Ademais, a partir das 22 horas, baixo a carpa instalada na praza do Alcalde Ramón Souto González, celebrarase con entrada libre o concerto de “De Vacas”, que presentará o seu disco “Tour vacanal 2019”. Un espectáculo fresco como a auga dos regos. Unha mistura de voces e guitarra, armonías que estimulan os sentidos. Gañaron premios, fixeron galas, bandas sonoras para programas de radio e televisión e músicas para anuncios publicitarios. Do Land Rober ao Luar, cantan en tódolos idiomas do mundo, pero aman aos nosos poetas por riba de todo. Rescatan retrousos olvidados, tarareos que foran populares nas voces de Cristina da Aguieira ou Mónica da Laranxeira. A vida ao seu lado toda é un carnival.
A programación, promovida polo Concello, conta coa colaboración da Deputación, a través da Rede Cultural, e da Xunta, a través de Agadic.