Laura Bouza reivindica “seguir construíndo un futuro propio, feminista e libre, con capacidade de pensamento crítico”

Laura Bouza reivindica “seguir construíndo un futuro propio, feminista e libre, con capacidade de pensamento crítico”

A artista, responsable de LauDas Calamity, foi a autora este ano da Declaración Institucional con motivo do Día da Patria Galega

A artista local Laura Bouza, responsable de LauDas Calamity, Laboratorio de Creación Artística, reivindicou esta tarde, no Monumento Día da Patria Galega, “pensar naquilo que nos aveciña para seguir construíndo futuro, un futuro noso, propio, feminista e libre, con capacidade de pensamento crítico”. Unha labor, engadiu, propia da cultura, que “hermana e non espalla”. Foi ela a encargada de dar lectura á Declaración Institucional con motivo do Día de Galicia, nun acto veciñal que arrancaba ás oito e media do serán presidido polo alcalde, Gumersindo Galego, e con participación da corporación.

Laura Bouza sumábase así a unha longa lista de autores desta tradicional declaración, entre os que se atopan nomes como Xosé Luis Méndez Ferrín, Bieito Iglesias, Rosa Aneiros, Pablo Bouza Suárez, Nico Vidal, Iria López Teijeiro, Carlos Negro, Rafa Villar, Paloma Rodríguez, Xosé María Rivera Arnoso, Mariola Hermida, Agustín Fernández Paz, César Martínez Yáñez, Matilde Castro, Marilar Aleixandre, Arsenio Iglesias...

A artista comezou a súa intervención destacando a importancia de actos como o desta tarde e convidando aos asistentes a viaxar no tempo para rememorar as orixes desta conmemoración. A 1919, cando se xestaron as Irmandades da Fala e apuntaron “a necesidade de celebrar un día da Patria Galega que reivindicase a nosa cultura, a nosa lingua…en definitiva “o noso sentir galego””. A renglón seguido, Laura Bouza preguntouse en voz alta que significaba entón vivir como galegos, para dar de seguido a súa visión propia:

"Sentirnos orgullosas de ter unha lingua nosa, unhas festas propias e características, unha música popular, uns artistas implicados, uns poetas comprometidos, unha gastronomía exquisita, un patrimonio que coidar…Unha historia secular que nos trouxo ata aquí”.

En definitiva, sinalou que “todo iso é o que configura a nosa cultura, a que
nos une, o que define a nosa identidade como pobo galego. Os protagonistas da cultura somos nós, o pobo, os artistas, os creadores, os colectivos que están aí todos os días, a xente traballadora, por iso non se pode monopolizar a cultura e tense que respectar a súa natureza rica e plural”.

Así mesmo, reivindicou que “a cultura ten que ter a mesma consideración que calquera outro ámbito da actividade humana”; que “a cultura é un instrumento xeral que nos axuda a crecer como persoas e como pobo”, e que “a cultura non pode ser frívola, aburrida e restrinxida, a cultura ten que vivirse como o que verdadeiramente é, unha posibilidade de goce, de aprendizaxe ao alcance de todas. Ten que romper a barreira do elitismo, como dicía Castelao a de todas as galegas e galegos”.

Por iso, animou a todos os presentes “a non quedarse só co fácil, o amable, o slogan, a identidade galega tamén a constrúe o esforzo, o traballo, o sacrificio…e diso tamén sabemos unha chea”. “Non nos resignemos e sexamos rebeldes”, engadiu.

Por iso, sinalou que “hoxe é un día de celebración e festa porque o que estamos a celebrar é o día da matria galega, e non me confundo cando digo matria, non, porque é a terra das meigas, das mariscadoras, das nais, das gandeiras, desas mulleres que quedaban loitando cando os seus homes emigraban. Ese tecido social case invisible que fixo que hoxe esteamos onde estamos, as mulleres galegas, e por iso máis que nunca, témolo que celebrar”.

Concluíndo volveu enfatizar a necesidade dunha “matria de amor e respecto pola cultura porque non necesitamos morrer pola patria senón atopar nela aquelas cousas que nos unen e nos aproximan”. Por todo iso, quixo rematar “dicindo ben alto: Qué viva a arte e a cultura!”.

Sobre Laura Bouza
Comeza a súa formación na Escola Mestre Mateo (Santiago de Compostela) para logo irse a estudar a Bilbao Belas Artes onde se licencia pola UPVEHU.

Logo continúa a súa formación en Pontevedra co Máster en Libro Ilustrado e Animacíón Audiovisual (Universidade de Vigo), entre outros cursos. É a ideóloga e responsable do Laboratorio de Creación Artística Laudas Calamity, onde na actualidade imparte clases de educación artística e desenvolve a sua actividade como artista.

Descargas