O alcalde recibe á nena sahariana que pasou o verán cunha familia de Fene
03-09-2019
Dende o Concello, animan ás familias a acoller menores saharianos dentro do programa Vacaciones en Paz, que pon en marcha cada ano a asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui
O alcalde, Gumersindo Galego, e outros integrantes da corporación municipal, recibiron esta mañá no salón de plenos á nena sahariana que está a pasar o verán cunha familia de Fene, grazas ao programa Vacaciones en Paz que pon en marcha cada ano a entidade Solidariedade Galega co Pobo Saharaui.
A nena acudiu coa súa familia de acollida ao salón de plenos, onde o alcalde lle desexou que a súa estadía en Fene fora satisfactoria e onde se lle entregou un agasallo en nome de toda a corporación.
Gumersindo Galego celebrou este tipo de iniciativas, que permite afastar aos nenos e nenas saharianos das elevadas temperaturas que se acadan na tempada estival no deserto arxelino, onde mesmo se chegan a superar os 50 graos á sombra.
Dende o Concello de Fene, animaron á entidade a continuar con este programa e ás familias de Fene a acoller rapaces e rapazas saharianos durante o verán, pois esta iniciativa tamén lles permite mellorar o seu dominio do castelán (segundo idioma nos campamentos de refuxiados); e pasar uns controis médicos que axudan á saúde dos menores.