O Concello de Fene abre o prazo para solicitar o bono bus universitario

O Concello de Fene abre o prazo para solicitar o bono bus universitario

Vai dirixido a estudantes que cursen estudos universitarios na Coruña e precisen realizar desprazamentos diarios en autobús dende Fene

O Concello destinará entre 2019 e 2020 ata 7.500 euros ás subvencións, que se poden solicitar ata o vindeiro 15 de setembro no Rexistro Xeral

Os estudantes universitarios que cursen a súa formación na Coruña e que empreguen diariamente o autobús poden solicitar, dende hoxe e ata o vindeiro 15 setembro, as axudas ao transporte que ofrece o Concello de Fene para o curso 2019/2020.

O alcalde, Gumersindo Galego, informou esta mañá da apertura do prazo de solicitude das subvencións, para as que se require estar empadroado e ter residencia efectiva en Fene dende o 1 de xuño de 2019, cursar estudos universitarios para os que sexa necesario desprazarse ata Coruña e presentar a documentación esixida nas bases. Ademais, establécese un limiar na renda dos beneficiarios, que oscila entre o máximo de 14.112€ para familias dun membro ata 53.665€ para familias de oito membros.

A contía das subvencións varían en función do número de beneficiarios. As persoas interesadas, deben presentar a súa solicitude no Rexistro Xeral do Concello de Fene ou por algunha outra forma establecida no artigo 16 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

Xunto coa solicitude, débese aportar a seguinte documentación: fotocopia do DNI; do libro de familia no que figuren todos os membros da unidade familiar; da declaración do IRPF; certificado de matrícula; declaración responsable de estar ao corrente coas obras tributarias e da Seguridade Social; volante de empadroamento; certificado de minusvalía, de ser o caso; certificado de estar algún integrante da unidade familiar en desemprego por un período de máis de seis meses durante o ano 2018, de ser o caso; certificación bancaria da titularidade da conta a nome da persoa solicitante do bono-bus; e declaración responsable de percibir/non percibir axuda algunha para a mesma finalidade.

Descargas
Ligazóns