O Concello presenta ás entidades sociais o programa de Envellecemento Activo
12-09-2019
Reúnense hoxe ás 12:00 horas. Participan a concelleira de Benestar Social, Tamara Miragaya, a técnica responsable do programa, María José Paz, e representantes de entidades sociais e culturais de Fene
O Concello de Fene, a través da Concellería de Benestar Social e Igualdade, convocou hoxe ás 12:00 horas ás entidades sociais para presentar o programa de Envellecemento Activo, no que se enmarca a iniciativa Tardes Activas.
Participan nesta reunión a concelleira de Benestar Social, Tamara Miragaya López, e a técnica responsable do programa, María José Paz Rodríguez. Ademais, están convocadas as persoas que integran as directivas das entidades.
Tardes Activas contempla a posta en marcha dunha serie de obradoiros itinerantes que percorrerán as parroquias do Concello de Fene a través das entidades veciñais e culturais que estean interesadas en participar. Así, serán as mesmas as que elixirán os obradoiros máis axeitados á demanda dos veciños.
Os obradoiros que se ofertarán dende o 30 de setembro e ata xuño son de estimulación cognitiva, de recuperación da memoria e unha escola de avós e avoas. Cada persoa poderá elixir as actividades ás que acudir, independentemente da parroquia na que viva. Ademais, o obradoiro de recuperación da memoria realizarase no centro municipal de Servizos Sociais.
Todos os obradoiros celebraranse un día á semana e durarán hora e media, están abertos a poboación en idade madura e as actividades terán carácter gratuíto. O prazo de inscrición será do 16 ao 27 de setembro.