O Concello de Fene porá en marcha este mes o programa de envellecemento activo
12-09-2019
O próximo luns abre o prazo de inscrición nas actividades da escola de avós e avoas, de estimulación cognitiva e de recuperación de memoria
A inscrición é gratuíta e os obradoiros percorrerán as parroquias a través das entidades veciñais e culturais, que seleccionarán as actividades
O alcalde Gumersindo Galego informou hoxe de que o Concello de Fene abrirá a vindeira semana o prazo de inscricións aos obradoiros de Envellecemento Activo. Así, entre o luns 16 e o venres 27 de setembro, as persoas interesadas poderán formalizar a súa participación nestas actividades, que son de balde para os participantes e que se desenvolverán en locais das entidades sociais e culturais de Fene ou no Centro Municipal de Servizos Sociais entre o 30 de setembro e xuño. Os obradoiros só se realizarán se se reúnen un mínimo de 10 persoas por grupo e as prazas cubriranse por orde de inscrición.
A Concellería de Benestar Social e Igualdade presentou hoxe ás entidades sociais a programación prevista, nun acto ao que asistiu a concelleira Tamara Miragaya, a técnica responsable do programa, María José Paz Rodríguez, e representantes das directivas das entidades convocadas.
O programa de Envellecemento Activo plantea as actividades denominadas Tardes Activas, que se estruturan a modo de obradoiros itinerantes e que percorrerán as parroquias do concello a través das entidades veciñais e culturais que estean interesadas en participar. Ademais, elas mesmas decidirán que obradoiros son máis axeitados á demanda da veciñanza.
Os obradoiros que se ofertarán van orientadas á estimulación cognitiva, de recuperación da memoria e tamén se ten programado unha escola de avós e avoas.
No que respecta á estimulación cognitiva, hai dous obradoiros. Un deles chámase “+ Memoria” e pretende manter activa a mente e mellorar a memoria dos participantes con esquecementos cotiás mediante dinámicas de ocio e grupais. Outro dos obradoiros leva por nome “Recordando o noso” e céntrase nas lembranzas dos maiores traballando as funcións cognitivas.
Os obradoiros de recuperación da memoria propoñen actividades en grupo para mellorar a memoria, a linguaxe, a orientación, a atención e mesmo poden axudar a retrasar o inicio dunha demencia ou mantela estable.
Finalmente, na escola de avós e avoas proponse un programa de intercambio de experiencias e transmisión de coñecementos en sesións en grupo a partir dunha temática de traballo escollida. A presentación do traballo realizarase nos centros escolares en diferentes formatos. Así, haberá saídas socioeducativas, exposicións de fotos, programas de radio, etc. Trabállase nesta escola o intercambio interxeneracional, a base deste obradoiro.
Cada persoa poderá elixir as actividades ás que acudir, independentemente da parroquia na que viva. Todos os obradoiros terán unha duración de hora e media, están abertos á poboación en idade madura inscrición é gratuíta.