O Concello iluminarase de verde para visibilizar as patoloxías mitocondriais
13-09-2019
Súmase a unha campaña internacional que tinguirá desta cor monumentos e edificios emblemáticos os días 14, 15 e 16 de setembro
O Concello de Fene vén de adherirse á iniciativa “Ilumina por las mitocondrias”, unha campaña de sensibilización coa que se pretenden dar a coñecer ás patoloxías mitocondriais.
Esta proposta parte da Asociación de Enfermos de Patologías Mitocondriales (AEPMI). Estas enfermidades, sen cura e que poden afectar a calquera idade e a calquera órgano e sistema do corpo, derivan dun fracaso no funcionamento das mitocondrias, que non xeran enerxía para manter a vida e o desenvolvemento dos órganos e sistemas.
A adhesión do Concello de Fene concretarase os días 14, 15 e 16 de setembro na iluminación do consistorio de cor verde, coincidindo cunha campaña internacional coa que ano tras ano se dá visibilidade a este tipo de patoloxías durante a Semana Mundial de Concienciación das Enfermidades Mitocondriais.