A Casa do Concello de Fene iluminarase de violeta a noite deste venres como mostra do seu compromiso na loita contra a violencia machista

A Casa do Concello de Fene iluminarase de violeta a noite deste venres como mostra do seu compromiso na loita contra a violencia machista

O Concello adhírese á campaña “20S Emerxencia Feminista” que alerta dun incremento da violencia machista

O Concello de Fene súmase ás concentracións convocadas pola Plataforma Feminista de Alicante: “20S Emerxencia Feminista” para alertar do incremento da violencia de xénero logo dun verán negro e un mes de xullo no que cada dous días foi asasinada unha muller en algún lugar de España. Máis aínda despois do terrible episodio vivido na nosa comunidade o pasado luns en Valga, Pontevedra, co triple asasinato machista de tres mulleres da mesma familia en presenza dos fillos de 4 e 7 anos de idade.


O pleno municipal aprobou por unanimidade a adhesión a esta campaña, aprobando así unha moción presentada polo PSOE. Deste xeito, o Concello de Fene participará coa iluminación de violeta da fachada consistorial como mostra do seu compromiso na loita contra a violencia machista a noite do 20 de setembro.


Do mesmo xeito invita a toda a cidadanía á participación na concentración que terá lugar o venres 20 de setembro ás 21:00 h no Cantón de Molíns de Ferrol (Palco da Música). A noite será violeta, polo que se anima á participación con luces, velas, desta cor.


En Galicia, esta campaña está sendo promovida por organizacións como a Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia, a Rede Galega pola Igualdade, o Foro Feminista Maruxa Mallo, a Asociación Profesional de Axentes de Igualdade de Oportunidades Galegas e outros colectivos.

Descargas