Últimos días para apuntarse aos obradoiros gratuítos de envellecemento activo

Últimos días para apuntarse aos obradoiros gratuítos de envellecemento activo

A Concellería de Benestar Social sinala que o prazo conclúe este venres e avanza que as actividades darán comezo a vindeira semana

A concelleira de Benestar Social, Tamara Miragaya, informou esta mañá do calendario definitivo dos obradoiros de Envellecemento Activo que porá en marcha, a partir da próxima semana, o Concello de Fene destinados ás persoas maiores de 55 anos. Nesta liña, lembrou que o prazo de inscrición nas actividades, completamente gratuítas, concluirá este venres 27 de setembro e debe formalizarse no Centro Municipal de Servizos Sociais. As prazas son limitadas e para a realización das accións debe reunirse un grupo mínimo de 10 participantes e máximo de 15.


O programa de Envellecemento Activo plantea as actividades denominadas Tardes Activas, que se estruturan a modo de obradoiros itinerantes e que percorrerán as parroquias do concello a través das entidades veciñais e culturais interesadas en participar. Ademais, elas mesmas deciden que obradoiros son máis axeitados á demanda da veciñanza.


Os obradoiros que se ofertarán van orientados á estimulación cognitiva, de recuperación da memoria e tamén se ten programado unha escola de avós e avoas.


No que respecta á estimulación cognitiva, hai dous obradoiros. Un deles chámase “+ Memoria” e pretende manter activa a mente e mellorar a memoria dos participantes con esquecementos cotiás mediante dinámicas de ocio e grupais. Celebrarase nos locais da AVV Limodre (os luns de 18 a 19 horas); CPS de San Valentín (martes de 16,45 a 18,15 horas); ACDR O Pote de Maniños (mércores de 18,30 a 20 horas) e CMIU de Fene (os venres de 17 a 18,30 horas).


Outro dos obradoiros leva por nome “Recordando o noso” e céntrase nas lembranzas dos maiores traballando as función cognitivas. Terán lugar nos locais da ACDR Liga de Amigos de Barallobre (os xoves de 18,15 a 19,45 horas); CCRD Perlío (os mércores de 16,30 a 18 horas); AVV San Xurxo de Magalofes (os venres de 19 a 20,30 horas) e ACDR Agarimo de Sillobre (os martes de 18,30 a 20 horas).


Os obradoiros de recuperación da memoria propoñen actividades en grupo para mellorar a memoria, a linguaxe, a orientación, a atención e mesmo poden axudar a retrasar o inicio dunha demencia ou mantela estable.

Celebraranse no Centro Municipal de Servizos Sociais os xoves de 16,30 a 18 horas.


Finalmente, na escola de avós e avoas proponse un programa de intercambio de experiencias e transmisión de coñecementos en sesións en grupo a partir dunha temática de traballo escollida. A presentación do traballo realizarase nos centros escolares en diferentes formatos. Así, haberá saídas socioeducativas, exposicións de fotos, programas de radio, etc. Trabállase nesta escola o intercambio interxeneracional, a base deste obradoiro.


Cada persoa poderá elixir as actividades ás que acudir, independentemente da parroquia na que viva. Todos os obradoiros terán unha duración de hora e media, están abertos á poboación en idade madura e a inscrición é gratuíta.