O Concello de Fene abre o prazo de inscrición para asistir ao espectáculo infantil “Un banquete con moito conto”
01-10-2019
Protagonizado por Andamiaxe, terá lugar o vindeiro 9 de outubro ás 18:30 horas e vai dirixido a un público infantil de 5 a 8 anos
A Biblioteca Pública Municipal Xosémaría Pérez Parallé abre hoxe, 1 de outubro, o prazo de inscrición no espectáculo “Un banquete con moito conto”, de Andamiaxe, dirixido a nenos e nenas de 5 a 8 anos. A actuación terá lugar o mércores 9 de outubro ás 18:30 horas. Dado que as prazas son limitadas, requírese inscrición previa para poder asistir a este banquete de contos no que os comensais serán partícipes da súa elaboración e degustación. Para iso, deberán seguir os pasos esenciais: poñer a mesa, botarlle unha ollada á carta, degustar os “pratos” e, finalmente, pagar a conta. Unha acción moi cotiá pero transformada de maneira creativa en inusual. As ferramentas: mantel de papel, rotuladores, goma eva, lapis… e moita imaxinación!
Este espectáculo enmárcase no ciclo posto en marcha polo Concello de Fene para conmemorar o Día Internacional da Biblioteca, que se celebra o 24 de outubro. “Un banquete con moito conto” é a segunda das actuacións programadas dentro do ciclo, dirixido a un público infantil e que ten como obxectivo rachar con estereotipos de xénero, promover a lectura e agasallar tardes de diversión a nenos e nenas. Todas as actividades deste ciclo enmárcanse no programa “Ler conta moito‟, da Xunta de Galicia.
INSCRICIÓN
Todos os espectáculos teñen prazas limitadas, polo que é preciso formalizar a inscrición para cada un deles no mostrador da Biblioteca Municipal ou nos teléfonos 981342302 ou 607625346. A asignación das prazas será por rigorosa orde de inscrición.