O Concello abre a inscrición nos talleres de estimulación cognitiva para persoas afectadas de alzheimer e outras demencias

O Concello abre a inscrición nos talleres de estimulación cognitiva para persoas afectadas de alzheimer e outras demencias

A Concellería de Benestar Social busca con esta iniciativa mellorar a calidade de vida das persoas afectadas e contribuír ao necesario respiro familiar dos coidadores

Os talleres celebraranse martes e xoves de 18 a 20 horas e son gratuítos

A concelleira de Benestar Social de Fene, Tamara Miragaya, avanzou esta mañá a posta en marcha de talleres de estimulación cognitiva para persoas afectadas de alzheimer e outras demencias. A iniciativa levarase a cabo en colaboración con AFAL Ferrolterra, que guiará os obradoiros, e a participación será completamente gratuíta. Deste xeito, Miragaya informaba de que hoxe mesmo se abría o prazo de inscrición na iniciativa e animaba a anotarse ben no Centro Municipal de Servizos Sociais de Fene ben en AFAL Ferrolterra.


Nesta liña, a concelleira explicou que se celebrarán dúas sesións semanais, os martes e os xoves, de 18 a 20 horas, no Centro Sociocomunitario de Perlío. Precisamente, este espazo convertíase onte á tarde en escenario do curso “Coidar ao Coidador”, dirixido ás familias e froito da colaboración entre Concello, municipio solidario co alzheimer, e AFAL. No mesmo, o alcalde, Gumersindo Galego, e o presidente da asociación, Francisco Pantín, coincidían á hora de sinalar que cos talleres que se levarán a cabo en Fene contribuirase a lograr o obxectivo compartido de mellorar a calidade de vida das persoas afectadas e o necesario respiro familiar dos seus coidadores.


Así mesmo, a intención do Concello de Fene é iniciar os obradoiros a próxima semana.