O Concello impulsa terapias para persoas afectadas de alzheimer e outras demencias
17-10-2019
Son completamente gratuítas, celebraranse sesións de dúas horas dous días á semana, e a inscrición está aberta á participación da veciñanza
O Concello de Fene, a través da Concellería de Benestar Social que dirixe Tamara Miragaya, promove terapias no municipio para persoas afectadas de alzheimer e outras demencias. Lévanse a cabo no Centro Sociocomunitario de Perlío, con sesións de dúas horas dous días á semana. Máis concretamente, os martes e xoves de 18 a 20 horas.
As terapias, que imparte AFAL Ferrolterra (Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Demencias de Ferrol e Comarca), son completamente gratuítas e as persoas interesadas nas mesmas poden formalizar a súa inscrición no Centro Municipal de Servizos Sociais de Fene ou en AFAL (981 37 06 92).
Con estas terapias, o Concello busca mellorar a atención ás persoas afectadas de alzheimer e outras demencias e, tamén, contribuír ao necesario respiro familiar dos seus coidadores.