Fene celebra este xoves o Día Internacional da Biblioteca promovendo a lectura coa función “Maxia e libriños con Leo Leíño”

Fene celebra este xoves o Día Internacional da Biblioteca promovendo a lectura coa función “Maxia e libriños con Leo Leíño”

Os usuarios que leven materiais poderán optar durante esa xornada a préstamos dobres e gozar doutras sorpresas na biblioteca municipal

A Biblioteca Pública Municipal Xosémaría Pérez Parallé acolle mañá, 24 de outubro, o espectáculo “Maxia e Libros de Leo Leíño”, dirixido a nenos e nenas de entre 3 e 13 anos. A actuación terá lugar ás 18,00 horas e fai un percorrido, a través da maxia e dos contos, por historias incribles que farán descubrir aos participantes o universo sen límites que se agocha dentro dos libros.


Este espectáculo enmárcase no ciclo posto en marcha polo Concello de Fene para conmemorar o Día Internacional da Biblioteca, que se celebra mañá, 24 de outubro.


“Maxia e libriños con Leo Leíño” é a cuarta e última das actuacións programadas dentro do ciclo, dirixido a un público infantil e que ten como obxectivo rachar con estereotipos de xénero, promover a lectura e agasallar tardes de diversión a nenos e nenas.


Todas as actividades deste ciclo enmárcanse no programa ‘Ler conta moito’, da Xunta de Galicia. Ademais, a Biblioteca Municipal conmemora esta data con préstamo dobre para persoas usuarias que leven materiais en préstamo e outras sorpresas.