O programa, que impulsa a Concellería de Igualdade, busca crear un grupo de apoio emocional para mulleres e as sesións arrancarán o 6 de novembro
Últimos días para anotarse no Proxecto INDIRA
24-10-2019
A Concellería de Igualdade do Concello de Fene, a través do Servizo Municipal de Atención á Muller, informa de que o vindeiro 6 de novembro comeza o novo Proxecto INDIRA, un espazo para mulleres. Esta actividade está cofinanciada pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo Galicia 2014-2020.
Con el, preténdese facilitar un espazo para mulleres a través de encontros semanais, no que abordar diferentes temas e actividades relacionados co desenvolvemento persoal e saúde en todas as súas dimensións. A inscrición está aberta –ata o 31 de outubro- e pode
formalizarse no Servizo Municipal de Atención á Muller presencialmente (Av. do Mar Bloque 1, baixo-San Valentín), nos teléfonos 981 34 26 07 e 981 79 27 06 ou o correo smam@fene.gal.
A actividade desenvolverase durante os meses de novembro a marzo, todos os mércores, en horario de 10,30 h a 12,30 h no Centro Municipal de Servizos Sociais. Así mesmo, o grupo será guiado por unha psicoterapeuta familiar, e a coordinación do proxecto está a cargo da psicóloga municipal, responsable técnica do Servizo Municipal de Atención á Muller e Promoción da Igualdade do Concello de Fene.
Neste proxecto poden participar as mulleres de Fene e bisbarra, maiores de idade, con ganas de crecer emocionalmente, de compartir e de crear espazos de “sororidade” (solidariedade entre mulleres), de empoderarse, de coñecerse e coidarse tanto mental, física como emocionalmente.
A actividade comezará cunha primeira sesión informativa e de presentación. Nesta primeira reunión explicarase máis detalladamente a dinámica da actividade, os temas a tratar e a traballar e conformarase o grupo ou grupos, dependendo do número de mulleres participantes.