O Concello activa a pé de rúa unha campaña de sensibilización contra a violencia machista
15-11-2019
As rúas amosarán mensaxes que inviten á cidadanía a reflexionar sobre esta lacra social poñendo a vista na importancia da educación en igualdade
A concelleira de Igualdade, Juana Barro, anunciou esta mañá a posta en marcha dunha campaña de sensibilización contra a violencia machista co gallo da conmemoración do 25 de Novembro, “Día Internacional pola Eliminación da Violencia cara as Mulleres”. Así, dende hoxe e ata o 15 de decembro, as rúas de Fene amosarán mensaxes que inviten á cidadanía a reflexionar e recapacitar sobre esta crúa realidade como é a dos asasinatos de mulleres polo mero feito de ser mulleres, poñendo a vista na importancia dunha educación en igualdade, dende o respecto e dende a diversidade. Algo que compete a toda a sociedade, non só ás mulleres.
Igualmente, unha gran pancarta conmemorativa do 25N colocarase no cruce de Fene, en lembranza das vítimas deste ano 2019: 51 mulleres asasinadas en España, 3 delas en Galicia, 3 menores asasinados tamén vítimas da violencia machista, e un total de 43 menores orfos. Cifras, todas elas, terribles.
O Concello confía tamén na colaboración dos empresarios e empresarias de Fene, aos que se repartirán carteis coas mesmas mensaxes das rúas, para que se sumen á campaña poñéndoas nun lugar visible do seu establecemento.
A campaña de sensibilización vén financiada polo Fondo do Pacto de Estado para a eliminación da violencia de xénero e coa colaboración de ROTUL Gráficas Fene, que fixo a doazón dos carteis.