O Concello de Fene inaugura no CEIP Os Casais e na unitaria de Sillobre as sesións de contacontos-obradoiro sobre igualdade
26-11-2019
O programa municipal celebrarase ao longo do mes de decembro e estenderase ao CEIP Centieiras, CPI A Xunqueira, CEIP O Ramo e colexio Jorge Juan
No marco das actividades de prevención da violencia machista e promoción da igualdade en torno ao 25 de novembro, a Concellería de Igualdade que dirixe Juana Barro programa un total de 10 sesións de contacontos-obradoiro para o alumnado de Infantil e 1º e 2º curso de Educación Primaria (nenas e nenos de 3 a 9 anos). No día de onte celebrábanse as primeiras sesións no CEIP Plurilingüe Os Casais e na unitaria de Sillobre, e a programación continuará durante o mes de decembro: no CEIP Plurilingüe Centieiras o luns 2 de decembro, no CPI A Xunqueira o martes 3 de decembro; no CEIP Plurilingüe O Ramo o luns 9, e no colexio Jorge Juan o martes 10 de decembro.
"As Cores" é o nome do conto co que se pretende traballar de xeito dinámico temas tan importantes como a igualdade, a inclusión, o traballo en equipo, as emocións... transmitindo valores sempre a través do lúdico. Queda moito que traballar en tema de igualdade e de sensibilización, por exemplo, coa aprendizaxe da lingua de signos ou o respecto polos tempos e as necesidades de cada persoa e este contacontos foi creado precisamente para sensibilizar diso dende as primeiras idades.
"As Cores” é un contaconto cunha primeira parte de dinámicas grupais traballando varios conceptos no que se fai especial fincapé na igualdade e no que tamén se introduce a lingua de signos, rematando cun obradoiro final de elaboración dun mural colectivo. Lidia Pena é a encargada de dar vida a esta fantástica historia chea de fantasía, respecto e igualdade, namentras que a psicóloga municipal é a coordinadora das actividades.