A Casa da Cultura acolle este xoves o espectáculo “Maxia pola Igualdade”
27-11-2019
A cargo da maga Leo Leíño e dirixido a nenas e nenos de 4 a 12 anos e ás súas familias, dará comezo ás 18 horas con entrada libre e de balde
O Concello de Fene, a través da Concellería de Igualdade que dirixe Juana Barro, convida ás familias a asistir este xoves 28 de novembro ao espectáculo “Maxia pola Igualdade” coa maga Leo Leíño. Terá lugar no salón de actos da Casa da Cultura de Fene, a partir das 18 horas, con entrada libre e de balde ata completar aforo.
Dirixido a nenas e nenos de 4 a 12 anos e ás súas familias, trátase dun espectáculo moi especial, onde a muller cobra protagonismo recoñecendo ás que nos precederon e o seu traballo pola igualdade. Tamén haberá moitas sorpresas, emocións máxicas e humor.
A actividade inclúese no programa de sensibilización deseñado polo Concello de Fene contra a violencia machista co gallo da conmemoración do 25 de Novembro, “Día Internacional pola Eliminación da Violencia cara as Mulleres”.