O Concello de Fene presenta a súa programación cultural de Nadal, repleta de citas musicais, contacontos e obradoiros

O Concello de Fene presenta a súa programación cultural de Nadal, repleta de citas musicais, contacontos e obradoiros

Arrancará este luns coa visita do Apalpador aos centros educativos

A concelleira de Cultura, Rocío Bértoa, subliña da oferta de propostas o protagonismo dos/as máis pequenos/as da casa

A concelleira de Cultura, Rocío Bértoa, presentaba esta mañá a ampla programación cultural de Nadal deseñada polo Concello de Fene. Unha programación que incluirá citas musicais, teatro, contacontos, exposicións, obradoiros e, como non, a visita do Apalpador e a tradicional Cabalgata de Reis. Precisamente, Rocío Bértoa avanzou que o Apalpador inaugurará o calendario cultural de Nadal o vindeiro luns, 16 de decembro, coa súa visita aos nenos e nenas de Educación Infantil e primeiro curso de Educación Primaria dos centros educativos de Fene. Nesa xornada acudirá ao CPI A Xunqueira, CEIP Plurilingüe Centieiras e CPR Jorge Juan. Así mesmo, ao día seguinte, martes 17 de decembro, visitará o CEIP Sillobre, CEIP Plurilingüe Os Casais e CEIP Plurilingüe O Ramo.


A programación continuará o mércores 18 de decembro ás 18 horas co contacontos musical Musicreques. Dirixido a un público infantil de entre 3 e 11 anos, celebrarase na Biblioteca Pública Municipal Xosemaría Pérez Parallé. A participación é gratuíta, previa inscrición presencial ou no tlf 981 34 23 02, do xoves 12 ao martes 17 de decembro, de 16 a 20,30 horas e o sábado 14 de decembro de 10 a 13 horas.


Ao día seguinte, xoves 19 de decembro, e tamén ás 18 horas, a Casa da Cultura de Fene acollerá o espectáculo de baile “As armadanzas, na punta do pé”, pensado para un público familiar e nenos e nenas de entre 6 e 11 anos. Neste caso, a entrada é libre e de balde ata completar aforo.


O venres 20 de decembro, Fene celebrará doble cita musical. Así, ás 17 horas, no salón de actos da Casa da Cultura, os alumnos e alumnas da Escola Municipal de Solfexo e Piano ofrecerán o tradicional Concerto de Nadal, con entrada libre e de balde ata completar aforo e, ás 19 horas, pero na Igrexa Parroquial de San Xurxo de Magalofes, o coro Son Elas protagonizará un concerto cun repertorio moi navideño.
A música de Nadal continuará o sábado 21 de decembro na Igrexa Grande de Maniños. A partir das 20 horas, o templo será escenario do XIX Festival

de Panxoliñas. Con entrada libre e aforo limitado, tomarán parte no mesmo o Tradicoro, Rondalla Perla del Río, Coral Eterna Xuventude, Coral Polifónica Agarimo de Sillobre, Coral Polifónica de San Valentín, Coral Polifónica O Pote e Rondalla Estrelecer.


O luns 23 de decembro, ás 12 horas, a narradora Raquel Queizás ofrecerá na Biblioteca Municipal Xosemaría Pérez Parallé o seu contacontos “Nano vai á escola”. Dirixido a un público de entre 1 e 4 anos, a participación é gratuíta, pero con inscrición previa (do mércores 18 de decembro ata o propio día da actuación ás 11 h). De forma presencial ou no teléfono 981 34 23 02 (os días 18, 19 e 20 en horario de 16 a 20,30 horas).
O xoves 26 de decembro, a Concellería de Cultura propón un obradoiro de fotografía co móbil para avós/as e netos/as a cargo de Malena Carballo. Terá lugar na sala de exposicións da Casa da Cultura, gratuíto, pero con inscrición previa –ata o 23 de decembro- no Museo do Humor, presencial ou no teléfono 981 34 24 00 –en horario de mañá. Ese mesmo día, ás 12 horas, Baobab Teatro ofrecerá no salón de actos da Casa da Cultura a súa obra “Puño Puñete”, dirixida a un público familiar e infantil de 1 a 9 anos.


Ao día seguinte, venres 27 de decembro, novo obradoiro. Neste caso, de retrato e dirixido a nenos e nenas de 9 a 13 anos. Estará impartido por Ladislau da Regueira, con prazas limitadas a 14. Celebrarase na sala de exposicións da Casa da Cultura, de 11 a 13 horas, e como no caso do anterior obradoiro, a participación é gratuíta con inscrición previa no Museo do Humor ata o 23 de decembro. Na mesma xornada, e para un público familiar e infantil de entre 5 e 10 anos, a Casa da Cultura acollerá o espectáculo “O libro máxico”. Dará comezo ás 12 horas, con entrada libre e de balde ata completar aforo. E, pola tarde, no local social do CCRD de Perlío, concerto para toda a familia Rock entre pais e fillos.


Así mesmo, o luns 30 de decembro, o Concello de Fene porá o broche de ouro á programación cultural do ano 2019 con maxia. O Gran Pedrini ofrecerá no salón de actos da Casa da Cultura o seu espectáculo “Coas mans na maxia”, a partir das 12 horas e dirixido a un público familiar. A entrada é libre e de balde ata completar aforo.


E, xa pechando a programación cultural de Nadal, o domingo 5 de xaneiro, Fene celebrará a Cabalgata das Súas Maxestades Os Reis Magos de Oriente. Partirá ás 17,30 horas de Perlío –fronte a Aguilar- para percorrer Avenida Marqués de Figueroa, Cruce de Fene e Avenida de Naturais rematando na Praza do Concello onde se lles dará a benvida. Os nenos e nenas de entre 6 e 12 anos cumpridos interesados en participar como paxes reais teñen ata o 27 de decembro para anotarse no Rexistro Xeral do Concello. O aforo está limitado, cubrirase por orde de solicitude e a folla de inscrición pode descargarse aquí

Descargas