O Concello de Fene abre a inscrición no obradoiro de retrato para mozos e mozas que impartirá Ladislau da Regueira

O Concello de Fene abre a inscrición no obradoiro de retrato para mozos e mozas que impartirá Ladislau da Regueira

A concelleira de Cultura, Rocío Bértoa, apunta que se celebrará no marco da programación cultural de Nadal, con participación gratuíta

Ladislau da Regueira será o encargado de impartir o obradoiro de retrato para mozos e mozas que organiza a Concellería de Cultura no marco da programación cultural de Nadal. Celebrarase o venres 27 de decembro na sala de exposición da Casa da Cultura, de 11 a 13 horas, dirixido a nenos e nenas de entre 9 e 13 anos.


A participación é gratuíta, pero as prazas están limitadas a 14, polo que a concelleira de Cultura, Rocío Bértoa, avanzou que o Concello vén de abrir o prazo de inscrición na actividade –ata o 23 de decembro no Museo do Humor, presencial ou no teléfono 981 34 24 00, en horario de mañá.


Trátase dun obradoiro para nenas e nenos con inquedanzas expresivas no debuxo e/ou expresión plástica. Se ben, o importante non é a antigüidade sobre a Terra, senón o interese e as ganas de divertirse dándolle ao lapis primeiro e á cor despois, para deixar constancia de como ven aos seus seres queridos...ou non tanto. A Arte é unha ferramenta moi poderosa que traspasa o Tempo.




Sobre Ladislau da Regueira

Artista multidisciplinar, mestre e deseñador gráfico. É un artista xa coñecido neste concello tanto pola súa obra como como pola súa labor de mestre. Actualmente, xunto ao pintor Juan Sobrino e a fotógrafa Malena Carballo, participa coas súas esculturas da mostra “Sinerxia 1+1=3”, que pode visitarse na Casa da Cultura de Fene.