XXVIII Xuntanza de Gaiteiros 2016
19-10-2016
O sábado día 29 de outubro de 2016 a partir das 19.30 horas na S.C.R.D. Agarimo de Sillobre (Fene), a Banda de Gaitas Tradicional “Airiños de Fene” celebrará a XXVIII Xuntanza de Gaiteiros, actividade que organizan anualmente dende o 1988. Nestas xuntanzas, ademais da participación de distintas bandas, grupos ou músicos, realízase unha homenaxe a algunha persoa, grupo ou entidade que se caracterizou por gardar, recoller, recuperar e dar a coñecer a nosa música tradicional.
Nesta XXVIII Xuntanza homenaxearán a Asociación de Gaiteiros de Galicia (AGG).
A Asociación de Gaiteir@s Galeg@s (AGG) nace nos anos setenta como resposta as inquedanzas de músicos e artesáns por dignificar e normalizar a música tradicional, pero non é ata o 28 de maio de 1988 cando se constitúe legalmente
Os principais obxectivos da actividade da AGG son o estudo, fomento e divulgación da cultura da gaita galega (gaita de fol) - Defensa e dignificación da gaita galega e da figura do/a gaiteiro/a - Posta en valor diante da sociedade da música tradicional galega - Promover nas distintas Administracións Públicas a necesidade de normalizar a presenza da música tradicional galega en todos os ámbitos – Organización de actividades, cursos, seminarios... que promocionen a música tradicional – Elaboración e edición de materiais formativos, e calquera tipo de publicacións para difundir a música, o canto e o baile tradicional - Recuperación e divulgación da música tradicional galega.
Nesta XXVIII Xuntanza de Gaiteiros contase coa participación do grupo de cantareiras “Xerfa”, “Os Carunchos” “Os Minhotos”, “Airiños de Fene” e antigos e actuais directivos da AGG como: Pepe Ferreirós, Raúl Galego, Xan López, Xaneco Tubío, X. Olimpio Xiráldez, Erea Estévez, Gustavo Couto, Pedro Magariños, Alberto Pires, Vitor Otero e Daniel Fernández. A Xuntanza será presentada por Antonio Raposo.