Baobab Teatro trae este xoves á Casa da Cultura de Fene a súa obra “Puño Puñete”
Está dirixida a un público familiar e infantil de entre 1 e 9 anos, e a entrada é libre e de balde ata completar aforo
23-12-2019
O salón de actos da Casa da Cultura de Fene acollerá este xoves 26 de decembro, a partir das 12 horas, a función “Puño Puñete”, a cargo de Baobab Teatro. Dirixida a un público familiar e infantil de entre 1 e 9 anos, a entrada é libre e de balde ata completar o aforo.
Incluída na programación cultural de Nadal deseñada pola Concellería de Cultura que dirixe Rocío Bértoa, propón unha viaxe a través das palabras e da música, rescatando ditos populares, refráns, poemas, lerias e enredos.
Ten como obxectivo facer dinamización social da lingua galega e chegar a un amplo marxe de público; tendo como resultado un espectáculo musical, teatral e de palabras, onde o peso recae na lingua e no seu uso, un espectáculo que é un agasallo para os oídos e unha ferramenta para levar para casa, a través de xogos de man, dedos e o corpo enteiro.
Puño Puñete! Trátase de sentir as palabras a través dos cinco sentidos.