O Concello de Fene ofrece terapias de estimulación cognitiva para persoas afectadas de alzheimer e outras demencias

O alcalde, Gumersindo Galego, e o presidente de AFAL, Francisco Pantín, explican que a participación ten custe cero e que as sesións se celebran os martes e xoves de 18 a 20 h no Centro Sociocomunitario

O Concello de Fene ofrece terapias de estimulación cognitiva para persoas afectadas de alzheimer e outras demencias

A inscrición está aberta no Centro Municipal de Servizos Sociais de Fene e tamén en Afal Ferrolterra, encargada de guiar os talleres

O alcalde de Fene, Gumersindo Galego, e o presidente de Afal Ferrolterra, Francisco Pantín, animaban esta mañá ás familias coidadoras de persoas con alzheimer e outras demencias a solicitar a participación no programa de terapias que o Concello ofrece para as persoas afectadas. Un programa de obradoiros de estimulación cognitiva que busca retardar o avance da doenza e mellorar a calidade de vida.


Tal e como explicaron, a participación é completamente gratuíta e as sesións están guiadas por Afal Ferrolterra –Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias-. A inscrición está aberta e pode formalizarse ben no Centro Municipal de Servizos Sociais de Fene ben en Afal Ferrolterra.

Os obradoiros celébranse dúas veces á semana, os martes e os xoves, de 18 a 20 horas no Centro Sociocomunitario. Arrancaban en outubro e nelas participan cinco veciñas e veciños.