62 equipos procedentes de toda España participarán en Fene na segunda fase da IV Liga Ibérica de Ximnasia Artística
23-01-2020
Prevese o concurso duns 500 deportistas e celebrarase no pavillón de A Xunqueira, en San Valentín, sábado e domingo
O pavillón de A Xunqueira, en San Valentín, albergará esta fin de semana a IV Liga Ibérica de Ximnasia Artística. Tomarán parte un total de 62 equipos procedentes de toda España –de comunidades como Madrid, Cataluña, Euskadi, Valencia, Castela e León, Illas Baleares e Galicia-. No seu conxunto, reuniranse uns 500 deportistas.
A cita deportiva celebrarase sábado e domingo e as categorías nas que participarán os equipos son as seguintes: a división B, cun total de 17 equipos e con representación local a través do Club Ximnasia Ferrolterra, terá lugar o sábado de 9 a 14,10 horas. A entrega de trofeos está prevista ao remate. De tarde, entre as 16 e as 21,30 horas será a quenda da división kids, con 18 equipos e tamén representación do Club Ximnasia Ferrolterra.