Máis de 350 alumnos e alumnas de Educación Primaria de Fene, Mugardos e Neda participan no programa Cine e Saúde
27-01-2020
Os concellos impulsan conxuntamente o programa en colaboración coa Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia
Un total de 352 alumnos e alumnas de Educación Primaria de 9 centros educativos dos municipios de Fene, Mugardos e Neda participan este mes no programa Cine e Saúde que impulsan os tres concellos ao abeiro do proxecto de prevención de condutas aditivas e promoción da saúde no eido local e co apoio da Consellería de Sanidade.
A ferramenta pedagóxica coa que se traballa é o cinema. Así, mediante a proxección dunha película vaise profundizando e traballando en diferentes temas de interese relacionados coa prevención do consumo de drogas. O programa vai dirixido á poboación escolar de Primaria, ao profesorado que imparte clases neste nivel como axentes executores do mesmo e ás familias que, mediante as ANPAS, teñen a posibilidade de organizar sesións para traballar os contidos da película e con esa información desenvolver habilidades educativas que provoquen un efecto multiplicador na promoción da saúde.
As sesións nos centros contemplan o visionado da película e a entrega das unidades didácticas dirixidas ao alumnado (Caderno do Alumnado) e outras ao profesorado (Manual do Profesorado), para traballar na aula. Cada unidade didáctica desenvolve unha serie de explicacións que, dirixidas polo profesorado, permiten definir e orientar os contidos sobre os que se vai traballar e consta dunha serie de exercicios e actividades que facilitan a reflexión e participación do alumnado. Por último, ofértase un curso de formación do profesorado en Prevención de Drogodependencias a través dunha plataforma de teleformación en Internet dirixido a todos aqueles profesionais do ensino que estean interesados en ampliar os seus coñecementos no campo da prevención escolar.
No caso de Fene, os centros participantes son: CPI A Xunqueira, CEIP Plurilingüe Centieiras, CEIP Plurilingüe Os Casais e CEIP Plurilingüe O Ramo.