Clausura este mércores en Fene da mostra “Poñendo luz á noite”

Clausura este mércores en Fene da mostra “Poñendo luz á noite”

A Casa da Cultura acollerá o acto ás 20 h, que contará coa actuación de Humberto Basoa, e onde a artista Ana Basoa fará balance do seu paso por Fene

A sala de exposicións temporais da Casa da Cultura-Museo do Humor acollerá este mércores 29 de xaneiro o acto de clausura da exposición “Poñendo luz á noite”, da pintora fenesa Ana Basoa Rioboo. Será a partir das 20 horas e, nel, a artista fará balance do paso da mostra por Fene, unha selección de retratos, bodegóns, flores, froitas… sempre dende o realismo. Así mesmo, o acto contará coa actuación de Humberto Basoa –guitarra e voz-.


Humberto Basoa comezou a súa andaina no mundo da música nos anos 80 co grupo Abasto, grupo pioneiro na bisbarra. Ao longo da súa carreira como artista traballou en varias orquestras como Lumbre ou Lamas la Piña. Posteriormente, retornou á música pop co grupo “On the Bang” pero, trala tráxica morte dun dos seu compoñentes, o grupo desfíxose. Na actualidade continúa dando concertos en diferentes locais da comarca, onde os seus infinitos rexistros de voz e a súa mestría coa guitarra non deixan indiferente a ninguén.


A exposición “Poñendo luz á noite” consta dunhas 30 obras en formato A1, A2 e A3. Apaixoada do realismo, Ana Basoa Rioboo afirma que co que máis desfruta é co retrato: “Cada retrato é coma un reto porque tes que conseguir definir a unha persoa a través da súa ollada. Cando fas un rostro non estás xogando só cos volumes. Coa ollada tes que transmitir todo o que é esa persoa. Neste senso, para min, a maior satisfacción que teño cando presento un novo cadro é que me digan que a persoa retratada fala coa mirada”.


A mostra pode visitarse ata este xoves, 30 de xaneiro, de 10 a 13 e de 16 a 21 horas.