Mostra artística Noelia Lago e Hortensia Losada na Casa da Cultura de Fene

Mostra artística Noelia Lago e Hortensia Losada na Casa da Cultura de Fene

A mostra poderá visitarse dende este mércores, aínda que o acto de inauguración oficial terá lugar o venres 7 de febreiro ás 20 horas

A concelleira de Cultura, Rocío Bértoa, informou esta mañá de que a Casa da Cultura de Fene estrea exposición baixo o título “Mostra artística Noelia Lago e Hortensia Losada”. Obras de pintura ao óleo, acuarela, poesía e arte manual que poderán verse a partir de mañá mércores na sala de exposicións temporais. Aínda así, o acto de inauguración oficial terá lugar o venres 7 de febreiro ás 20 horas, con entrada libre.


A partir de entón, a mostra poderá visitarse de luns a venres de 10 a 13 h e de 16 a 21 h; os sábados de 10 a 13 h, e os días 24 e 25 de febreiro de 10 a 14,15 horas. O sábado 22 e o mércores 26, a sala permanecerá pechada.


Trátase dunha mostra artística das obras máis representativas de Noelia Lago e Hortensia Losada dende os seus inicios no mundo da pintura hai máis dunha década ata a actualidade. Nesta mostra pódense atopar arredor de 40 pinturas ao óleo sobre lenzo cun amplo número de temáticas en especial, paisaxes mariños e de montaña, así como tamén bodegóns e figuras humanas.
Ademais, Noelia Lago incorpora tamén algúns dos seus poemas sobre acuarelas e nas vitrinas recóllese un guiño aos comezos na arte manual de Hortensia Losada con pezas artísticas que abarcan diferentes técnicas como a pintura sobre tea e porcelana, repuxado e traballo en coiro.

Sobre as artistas
Hortensia Losada sempre estivo ligada ao mundo do arte manual (costura, traballo en coiro pintura en tea e porcelana, bisutería, repuxado) xa fose investigando e practicando pola súa conta como acudindo a clases entendendo estas tamén como un espazo para compartir experiencias. Entrou na pintura ao óleo seguindo á súa neta Noelia, coa que acudía a clases.
Noelia Lago tamén sente dende a súa infancia unha afinidade cara o arte plástico ou manual e a escritura. Por este motivo, acode a clases de pintura ao óleo así como tamén a talleres literarios que lle permiten explorar as diferentes posibilidades de expresión artística. Estudou o Grao de Mestra de

Educación Infantil e valora destacar a importancia do arte desde este campo cursando a Mención en Linguaxes artísticos.