Dezanove comparsas participan no desfile do mércores de cinza
21-02-2020
O Concello de Fene ultima os preparativos do seu Entroido 2020. A poucos días do arranque dos festexos, a Concellería de Cultura anuncia que, finalmente, serán dezanove as agrupacións que participarán no desfile de comparsas previsto para o mércores 26 de febreiro. Tamén se informa para ese día dun corte de tráfico, a partir das 17.30 horas (na rúa Río Cádavo), e a partir das 18.00 horas en Avda. Marqués de Figueroa, Cruce de Fene, Avda. Naturais e Avda. do Concello, namentres dure o desfile de comparsas até a Praza do alcalde Ramón José Souto González.
Rematado o prazo de inscrición, as agrupacións que participarán este ano no día grande do entroido fenés serán: Os Argalleiros, Asoc. Sociocultural ASCM, Troupele Troupele, As Xoaniñas de Chao, A Canteira, Oje Ferrol, A Revolta de Trasancos, Colexio Belén, Anpa CEIP Centieiras, Os Scratchados, Os Parrandolos, Semente de Trasancos, Volvemos en 5 minutos, 100% Ferrol, Santa Compaña, Paso a Paso, Domus Vi, @ máis mellores e Os Mecos .
As comparsas concentraranse o vindeiro mércores ás 17.30 horas na rúa Río Cádavo de Perlío, para iniciar ás 18.00 horas un percorrido pola Avda. Marqués de Figueroa, Cruce de Fene, Avda. Naturais, e Avda. do Concello, ata chegar á praza do alcalde Ramón José Souto González. Dende a Concellería de Cultura de Fene lembran que durante o desfile -que terá unha duración aproximada dunha hora- e ao paso das comparsas, pecharanse ao tráfico de vehículos as rúas afectadas.
Unha vez finalizado o desfile, comezará na praza do alcalde Ramón José Souto González, a carón da Casa do Concello de Fene, o festival de comparsas, coa presenza da “Viuva” do Entroido. O programa do mércores de cinza completarase coa lectura do Testamento, a queima do Antón e cun espectáculo pirotécnico que dará paso á actuación da orquestra Panamá.