As comparsas toman as rúas de Fene

As comparsas toman as rúas de Fene

Dezaoito comparsas participarán no desfile que organiza a Concellería de Cultura para festexar o día grande do entroido do Concello

O Entroido de Fene finaliza esta tarde, mércores 26 de febreiro, co desfile e festival de comparsas que se desenvolverá polas rúas de Perlío e Fene a partir das 18 horas. O programa da xornada -festivo local no Concello de Fene- completarase coa lectura do Testamento e queima do Antón, coa presenza da “Viuva do Entroido”. E xa como fin de festa, a Concellería de Cultura anuncia un espectáculo pirotécnico que dará paso á verbena nocturna, arrufada pola orquestra Panamá.


As dezaoito comparsas participantes no desfile deste Mércores de Cinza concentraranse na rúa Río Cádavo de Perlío ás 17.30 horas. Media hora máis tarde comezará o percorrido pola Avda. Marqués de Figueroa, Cruce de Fene, Avda. Naturais, e Avda. do Concello, ata chegar á praza do alcalde Ramón José Souto González onde se desenvolvera o festival baixo carpa.


Dende o Concello de Fene lémbrase que durante o desfile pecharanse ao tráfico as rúas afectadas, polo que se recomenda aos condutores e condutoras que empreguen itinerarios alternativos.

Unha vez finalizado o desfile, todas as comparsas subirán ao escenario instalado na praza ubicada a carón da Casa do Concello aínda que, como en anos anteriores, só serán oito as que actúen, correspondendo este ano a: Os Colludos, Troupele Troupele, As Xoaniñas de Chao, O
Camiño Inglés, Os Scratchados, Viaxe ao Povo Inuit, Santa Compaña e Paso a paso. A maiores, as comparsas Colexio Belén, Os Argalleiros, A Canteira, Oje Ferrol, Revolta de Trasancos, Os Parrandolos, Volvemos en 5 minutos, 100% Ferrol, @ Máis Mellores e os Mecos, amosarán as súas mellores galas desfilando polo escenario.

O programa da xornada completarase coa lectura do Testamento, a queima do Antón e cun espectáculo pirotécnico que dará paso á actuación da orquestra Panamá.

Organiza: Concellería de Cultura do Concello de Fene