O Judo Galego reúnese este sábado en Fene no “XogaJudo” e na cuarta xornada da Liga “Liga Galega Rías Altas"”
27-02-2020
Máis de seiscentos judokas procedentes da zona norte de Galicia participarán este sábado, 29 de febreiro, no pavillón de San Valentín, nunha xornada adicada ao judo que combinará xogo e competición. O programa arrincará ás 11.00 horas co Xogajudo, xornada de Deporte Escolar que patrocinan a Secretaría Xeral para o Deporte e o Concello de Fene. Xa pola tarde, a partir das 16.00 horas, arrincará a competición da cuarta xornada da Liga Galicia Rías Altas, correspondente á primeira da Liga de Ferrolterra.
Fomentar os valores do judo (participación, compañeirismo, respeto e amizade); instaurar hábitos deportivos saudables e facer vivir aos nenos experiencias e sensacións do xogo predeportivo. Son algúns dos obxectivos do programa de Deporte Escolar “Xogajudo” que esta fin de semana recala en Fene. En horario de mañá, a partir das 11.00 h., ao redor de 400 judokas da comarca de Ferrolterra, Lugo e Santiago de Compostela tomarán parte nesta competición adaptada.
Finalizado o Xogajudo, a actividade no Pavillón de San Valentín retomarase ás catro do serán co desenvolvemento da cuarta xornada da Liga Galicia Rías Altas, primeira da Liga Ferrolterra, na que participarán ao redor de 200 judokas das categorías Cadete, Infantil e Alevín.
Nesta competición, que organizan os clubs Artes Marciais Fene e A.D. Judo Ferrolterra co patrocinio do Concello de Fene, os equipos de ámbalas dúas entidades deportivas locais tentarán escalar vitorias ou manterse na parte alta da clasificación coa vista posta no playoff final. En canto á participación de judokas locais, dende a A.D. Judo Ferrolterra salientan na categoría Cadete a June Moreno, Manuel Pérez e Álex Carnero, todos eles medallistas galegos, e a de Javier Sánchez, actualmente no Centro Galego de Tecnificación Deportiva.