Manifesto institucional 8M Día Internacional da Muller

Manifesto institucional 8M Día Internacional da Muller

O 8 de marzo é o Día Internacional da Muller, que reivindica e visibiliza a loita das mulleres polos seus dereitos, participación e recoñecemento, en pé de igualdade cos homes, na sociedade e no seu desenvolvemento íntegro como persoa. Proposta herdeira de feministas socialistas como Clara Zetkin que en 1910 impulsaron tal data e que foi posteriormente institucionalizada polas Nacións Unidas en 1975. A desigualdade que denuncia o feminismo é estrutural e global, asentada e sostida polo sistema capitalista e patriarcal cuxo obxectivo é obter beneficios e privilexios para uns poucos á conta das persoas máis vulnerables e oprimidas, que terminan sendo as mulleres en toda a súa diversidade (migrantes, racializadas, trans, con diversidade funcional, novas e maiores). A invisibilización dos traballos de coidados, a feminización da pobreza, as violencias machistas ou a falta de liberdade nas identidades sexuais e/ou expresións de xénero son algúns dos síntomas da subordinación social ás que ven sometidas en todas as esferas da vida e fai ineludible tomar todos os espazos que tamén lles pertencen: as rúas, as institucións, os centros de traballo ou estudo, os espazos culturais, etc.


Este 8M o movemento feminista traballa para ocupar o espazo público e visibilizar de forma descentralizada en todos os pobos e barrios das cidades e en todas as zonas rurais, un mundo cuxo funcionamento, datos e prácticas que se engloban e debuxan nestes escenarios:


Os continuos asasinatos de mulleres deben traducirse nun rexeitamento frontal a esta inaceptable realidade, que consolide a construción dunha cultura antipatriarcal para erradicar esta violencia sistémica da vida das mulleres.


As mulleres están desprotexidas fronte ás agresións sexuais e as violacións; desde 2016 cometéronse 89 agresións sexuais múltiples no Estado Español. Esiximos unha educación afectivo-sexual desde a igualdade e a diversidade sexual, identidade e/ou expresión de xénero e que eduque aos homes nunha masculinidade non violenta.


En todo o mundo, as mulleres gañan só entre o 60 e o 75 por cento do salario dos homes en traballos similares. A longo prazo, esta fenda salarial afecta ás súas pensións. Ademais, as mulleres atópanse cun maior risco de pobreza e exclusión social que os homes, instalándose especialmente nos fogares monomarentais. En Galicia a fenda salarial entre mulleres e homes sitúase nun 30%. Así, segundo os últimos datos da Enquisa Anual de Estrutura Salarial do 2017, as mulleres ingresaron 5.488 € menos que os homes polo seu traballo asalariado. Iso esixe fortalecer as políticas públicas e leis en materia de dependencia e servizos sociais que foron privatizadas, mercantilizadas e individualizadas.


As miles e miles de mulleres e nenas  traficadas para consumo sexual dos homes e a súa irrefutable conexión coa mal chamada “industria do sexo” e a prostitución, fai imprescindible a posta en marcha de políticas públicas e protocolos globais contra a Trata que cumpran o Protocolo de Palermo para que as mulleres vítimas de trata e en situación de prostitución teñan alternativas formativas e laborais, políticas sociais e mecanismos de asilo e protección reais.
A práctica da interrupción voluntaria do embarazo non está garantida para todas as mulleres (migrantes ou mulleres entre os 16-18 anos). A lexislación existente permite que a clase médica máis reaccionaria poida negarse a realizar a IVE e que o Código Penal siga contemplando o aborto como un delito. Esiximos que se realicen de forma gratuíta e dentro do Sistema de Saúde público. Denunciamos a represión cara a quen encabezan a loita polos dereitos sociais e reprodutivos.
As mulleres migrantes sofren maiores violencias no proceso migratorio e discriminacións xenófobas e racistas. Por elo son necesarias unhas políticas de estranxeiría respetuosas cos dereitos humanos e unhas políticas públicas que creen alternativas para as traballadoras migrantes en situación administrativa irregular, que loiten contra a súa exclusión e abuso no mercado laboral e as protexan da trata e a prostitución.

A notoria expansión que está adquirindo o debate e a demanda dos ventres de aluguer, non o esquezamos, de mulleres empobrecidas que son quen se ven obrigadas a esta forma de explotación capitalista e patriarcal, é un nicho de negocio que mercantiliza os corpos e as vidas das mulleres.


A misoxinia percorre a cultura e a ciencia en todos os seus ámbitos. Na arte, na literatura, no cine, nas matemáticas, na bioloxía, na inxeniería ou arquitectura… as mulleres apenas existen no espazo  público. Esta invisibilización oculta as mulleres da Historia e fai que todas as súas achegas foran e sigan sendo totalmente ignoradas. Esiximos unha memoria histórica feminista que reivindique e rescate o papel e a presenza imprescindible das mulleres en temarios e materiais docentes en todos os niveis educativos e en todos os espazos culturais.
Por estas e moitas máis razóns é necesario que este Concello apoie as accións convocadas para o 8 de marzo. Unha Xornada de Loita  que irá enmarcada con grandes accións e manifestacións ao longo de todo o territorio galego onde as mulleres tomarán as rúas para denunciar un ano máis que hai que transformar o mundo, cambiando os modelos patriarcais e capitalistas por modelos de igualdade, xustiza, paridade, liberdade, diversidade e democracia.


Hoxe, o feminismo segue sendo imprescindible para reverter a desigualdade, loitar contra a intolerancia e o odio e transformar a sociedade.

Por todo iso, o Concello de Fene, adopta os seguintes acordos:


1.- Apoiar as accións feministas que se desenvolvan na reivindicación do 8M facilitando con todos os medios materiais, persoais e de difusión as manifestacións, concentracións, actividades e actos que convoquen as asociacións de mulleres feministas no 8 de marzo, autoorganizando que neste  2020 colocan no centro do debate os coidados e as consecuencias para as mulleres galegas do sistema económico, social e político no que vivimos, que non podería sosterse sen coidados que se desenvolven en moitas ocasións de forma gratuíta ou a través da precarización de moitas mulleres, comprometéndose a traballar para que os poderes públicos contribúan a superar esta situación.
2.- Enarborar a bandeira feminista no Concello como símbolo de apoio á loita das mulleres.
3.- Demandar da Xunta de Galiza o seu compromiso coa realización de estudos periódicos sobre o valor social e económico do traballo do fogar e do coidado. A comezar por:
a) Dar cumprimento ao artigo 29.3 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galiza en materia de igualdade e realizar as actuacións necesarias para que no primeiro semestre de 2020 estea en marcha o desenvolvemento dunha nova Conta Satélite da Produción Doméstica.
b) Realizar as actuacións necesarias para que no ano 2020 se desenvolva un profundo estudo, en colaboración coa universidade galega, do reparto do tempo nos fogares galegos.
c) Comprometerse a iniciar a elaboración Plan de Dignificación e Visibilización dos Coidados co fin de valorizar e divulgar entre o conxunto da poboación galega a súa relevancia económica e social e as consecuencias que supón para o exercicio dos dereitos das mulleres o desequilibrio que persiste na actualidade así como as vantaxes sociais dun reparto equitativo dos tempos entre homes e mulleres.
4.- Dotar de recursos económicos aos clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas, seccións deportivas e agrupacións deportivas escolares que non discriminen por razón de sexo nos seus premios ou recoñecementos que se outorguen a persoas deportistas.
5.- Desenvolver políticas encamiñadas á abolición da prostitución, como forma extrema de violencia de xénero, executando políticas activas para erradicar todas as formas que teña relación coa explotación sexual; con especial atención ás ordenanzas de publicidade e todas aquelas que de forma directa ou indirecta permitan ou faciliten o desenvolvemento de actividades encamiñadas á devandita explotación.
6.- Eliminar a publicidade discriminatoria ou denigrante das mulleres, ben desde os soportes, publicacións ou transportes públicos (marquesiñas, autobuses taxis, guías, ou información turística,…) ben non contratando con medios privados que a manteñan ou potencien.
7.- A implantar actividades escolares complementarias con formulacións que potencien valores non sexistas contrarios a calquera tipo de discriminación.
8.- Que as medidas/propostas sexan asumidas desde a dotación suficiente para ser levadas a cabo. Que teñan seguimento e mínima relación de obxectivos  calendarizados para que se poida comprobar a suficiencia orzamentaria, a correcta implementación e a repartición de dotacións.
9.- Demandar da Xunta de Galiza a asunción dos programas relativos á Dependencia para garantir a súa prestación universal e en igualdade para todas as persoas usuarias, sen que iso dependa do Concello de residencia (con capacidades económicas diferentes, e que fai que por exemplo, os Concellos máis pequenos do interior xeralmente cunha media de idade máis alta, teñan que suspender a prestación dos servizos por non poder facer fronte ao complemento que a Xunta obriga a pagar aos Concellos). Transitoriamente, demandar da Xunta de Galiza e do Goberno central, o incremento da súa dotación orzamentaria de forma que se garanta a continuidade dos servizos e se melloren as condicións laborais e salariais das traballadoras.
10.- Levar a cabo accións para poñer en valor e dar a coñecer ás mulleres referentes galegas que son líderes nos seus respectivos sectores para que rapazas e rapaces teñan referentes femininos, cómo por exemplo na ciencia e tecnoloxía.