O Concello de Fene pon en marcha a partir deste sábado o programa #Fenequedanacasa
03-04-2020
O Concello de Fene pon en marcha a partir deste sábado o programa #Fenequedanacasa coa participación dos Departamentos de Cultura, Deportes, Arquivo, Administración electrónica e Biblioteca Municipal de Fene. Segundo avanzan dende o Goberno Municipal, o proxecto foi creado fundamentalmente para a veciñanza de Fene e vai encamiñado a facerlle máis doado este período de confinamento. A iniciativa artellarase ao redor da páxina de Facebook “Fenequedanacasa” e aglutinará distintas propostas socioculturais e de mantemento físico, así como iniciativas de interacción/socialización que contribúan a ocupar este tempo dun xeito saudable e socioculturalmente activo.
A pesar da multitude de propostas que circulan polas redes sociais nestas datas, o Goberno Municipal de Fene aposta polo proxecto #Fenequedanacasa como unha ferramenta para “crear comunidade” e achegar ás persoas nestes tempos de illamento social. Por iso, anímase á veciñanza de Fene a implicarse e participar nas distintas actividades que se irán presentando ao longo desta fin de semana a través da páxina https://www.facebook.com/Fenequedanacasa/ e atendendo á seguinte cronoloxía:
Sábado 4 de abril:
. 10:00 h_Presentación de #Fenequedanacasa con intervención do alcalde de Fene,
Juventino Trigo.
. 12.00 h_Presentación de “Farda de Fene dende a túa casa!
. 18.00 h_Presentación do Club de lectura virtual da Biblioteca Municipal de Fene
. 20.00 h_Presentación de “Directo con…”
Domingo 5 de abril:
. 10:00 h_ Presentación de “A imaxe do mes”
. 13:00 h_ Presentación de “Peque-humoristas en acción”
. 18.00 h_ Presentación de “Fene na memoria”
O programa de #Fenequedanacasa incluirá propostas para todas as idades, dende os máis pequenos/as da casa aos que se animará a facer debuxos humorísticos ou contar chistes, aos maiores para os/as que se organizou un xogo de recoñecemento de imaxes antigas de Fene. Tamén haberá un Club de lectura virtual, un espazo para compartir fotografías que os/as feneses/as realicen dende as súas fiestras, unha sección de vídeos realizados por artistas que teñen previsto actuar no Concello de Fene ao longo deste 2020 e outra da “Imaxe do mes”, concebida como unha “porta virtual nestes tempos de confinamento para que pasedes e coñezades un pouco máis do noso patrimonio histórico documental”.
#Fenequedanacasa é un proxecto de conxunto que involucra ao persoal da Omix, Museo do Humor, Biblioteca, Arquivo Municipal, Administración Electrónica e Departamentos de Cultura e Deportes do Concello de Fene e que conta cun correo electrónico propio como canle de comunicacion coa veciñanza: fenequedanacasa@fene.gal