O Concello de Fene impulsa obradoiros para persoas maiores a través da web e a radio municipal
15-04-2020
A pesar de que a situación de alarma obrigou a suspender a programación presencial de todas as actividades socioculturais, o Concello de Fene mantén unha intensa actividade a través da web e das redes sociais, co obxectivo de manter no posible as rutinas que había antes da crise e, de paso, alixeirar a levanza do confinamento. Un exemplo é a páxina en facebook Fenequedanacasa, que vai camiño das 700 persoas seguidoras e onde se poden atopar propostas participativas de todo tipo entre fotos, literatura, música, exercicio físico, etc. Ademais, a área de Servizos Sociais tamén se adaptou ás circunstancias ofrecendo a través de Fene.gal e de Radio Fene os programas "Tardes Activas desde a casa", "+Memoria" e "Recordando o noso", dirixidos especificamente á poboación de maior idade.
"Tardes activas dende a casa" é un paquete de exercicios cognitivos ao que se pode acceder desde a web municipal estruturado nun reto á memoria para recordar lugares do territorio por medio de fotografías, un conxunto de adiviñas e, como remate, varios pasatempos imprimibles que teñen por finalidade manter o cerebro en forma.
Trátase dunha iniciativa de dinamización pensada para todas as persoas maiores de 55 anos e non só para quen xa estivese participando nalgunha actividade do programa municipal de envellecemento activo. As solucións aos retos propostos poden enviarse ao correo servizos.sociais@fene.gal.
De maneira complementaria, o Concello tamén adaptou parte dos contidos a un formato radiofónico, de xeito que se faciliten as vías de participación ampliándoas a aquelas persoas que non teñan competencias dixitais ou que non dispoñan de ordenador ou alguén na casa que poida axudarlles.
Así, este luns ás 12.00h. comezou en Radio Fene o espazo "+Memoria" proporcionando a través das ondas exercicios e actividades prácticas enfocadas á prevención do deterioramento cognitivo.
Este aspecto refórzase desde outra óptica con "Recordando o noso", que arrancou este mércores ás 12.00h. tamén na emisora local. Neste primeiro día tratarase a evolución e a transformación dos medios de transporte, convidando á xente a que participe no espazo para achegar os seus recordos sobre como se viviu en Fene esa transformación. O obxectivo é tamén exercitar o cerebro a través da memoria pero, principalmente, búscase ofrecer un punto de encontro veciñal radiofónico co que crear comunidade e vencer o illamento social marcado polas actuais circunstancias.
En relación coa levanza do confinamento e os seus efectos sobre a convivencia ou o estado de ánimo, desde Servizos Sociais lémbrase que se pode contactar co departamento para obter axuda ou simplemente para conversar. Os teléfonos son o 981 492 706 e 981 342 607, ademais do correo servizos.sociais@fene.gal.