Fene dá de alta 1.327 horas do Servizo de Axuda no Fogar para atender casos urxentes

Fene dá de alta 1.327 horas do Servizo de Axuda no Fogar para atender casos urxentes

O consistorio presta preto de 5.400 horas e dispón dunha asignación de 3.226 para solicitudes derivadas da alerta sanitaria

 
O departamento municipal de Servizos Sociais ten abertas dúas liñas de traballo en canto á atención domiciliaria básica e de dependencia. Por unha banda, o Servizo de Axuda no Fogar funciona con total normalidade prestándolle asistencia ás persoas que xa viñan gozando do servizo -agás aquelas que solicitaron a baixa temporal- e, ademais, ofrece a posibilidade de incrementar de maneira provisional o alcance do apoio, previa valoración técnica. Por outra banda, as técnicas do servizo tamén deron de alta novos casos de atención urxente a raíz da crise sanitaria, para o que a Xunta de Galicia incrementou o financiamento en 3.226 horas mensuais. Desa bolsa de horas excepcionais e libres de copagamento, o Concello está cubrindo o total das peticións, que ascenden a 1.327 horas. A cifra actual de horas prestadas polo SAF fenés no territorio ascende a 5.377,80.
 
Calquera familia ou persoa do municipio que precise calquera actuación relacionada coa atención de carácter asistencial e doméstico poden contactar cos Servizos Sociais municipais para solicitala. Unha posibilidade que atende tanto á ampliación ou modificación do servizo que xa se viñese tendo como ás altas con carácter temporal de novos casos motivados pola actual situación. 
 
É o caso, por exemplo, de persoas que vivan soas e que teñan dificultade para valerse, aquelas que acudían a un centro de día e que agora deben permanecer na casa sen dispor, por distintas razóns, de familiares que poidan prestarlles apoio, ou incluso persoas con solicitude de dependencia rexistrada que aínda non foran valoradas.
 
De cara a atender o posible repunte de casos para SAF básico e de dependencia, a Xunta asignoulles aos concellos un paquete de horas gratuítas para as persoas usuarias -3.226 no caso de Fene- coas que poder atender casos novos ou ben reconfigurar a atención dos existentes de acordo coas súas necesidades. De feito, esta asignación  non limita as horas por persoa e pode proporcionarse tanto para atencións iniciais como para incremento da intensidade con respecto das horas de atención que a persoa puidese estar percibindo. Ademais tampouco se aplicará o límite máximo do 20% de actividades domésticas na atención prestada.
 
A medida está en vigor desde o pasado 14 de marzo e manterase con carácter temporal mentres dure a alerta sanitaria e o Estado de Alarma. Segundo informan desde o departamento de Servizos Sociais, o número de solicitudes recibidas supuxo un incremento de 1.327 horas de SAF de maneira que, a día de hoxe, en Fene estanse prestando un total de 5.377,80 horas de atención domiciliaria.
 
Outras liñas de apoio
Mentres tanto, os Servizos Sociais municipais manteñen abertas outras liñas de apoio a persoas e familias que se encontran nunha situación vulnerable. Desde os primeiros días da crise púxose en marcha un servizo coordinado coa Policía Local e Protección Civil para facilitar a merca de alimentos, medicamentos e produtos de primeira necesidade para quen tivese problemas de mobilidade e non dispuxese dunha rede familiar para atender esas necesidades. 
 
As persoas que precisan este servizo chaman directamente ao departamento municipal e, unha vez recollida a súa demanda, prográmase a compra para logo entregárllela no domicilio. Desde o inicio do programa foron atendidas un total de 30 persoas.
 
Na mesma liña, o Concello de Fene tamén intensificou o seguimento dos casos de familias que se encontraban en dificultades económicas e de aquelas que visen agravada a súa situación por mor da crise. Tal e como se apunta desde Servizos Sociais, en Fene existen familias, moitas delas con menores a cargo, que precisan axuda para cubriren as súas necesidades máis básicas. Por esta razón, desde a Administración local proporciónanse vales de compra canxeables no supermercado GADIS  que van desde os 20 aos 50€ semanais, en funcion do número de persoas integrantes da unidade familiar. Neste caso as axudas benefician a un total de 30 unidades familiares.
 

As persoas que precisen axuda municipal en calquera dos anteriores supostos -SAF, merca de produtos ou vales de compra- poden contactar directamente cos Servizos Sociais chamando ao  981 492706 en horario de 9 a 14.00h.