A biblioteca municipal Xosemaría Pérez Parallé e o Museo do Humor de Fene reabren ao público o 15 de xuño

A biblioteca municipal Xosemaría Pérez Parallé e o Museo do Humor de Fene reabren ao público o 15 de xuño

Ámbolos dous servizos funcionarán nesta primeira etapa baixo o sistema de cita previa

Aplicaranse protocolos hixiénico-sanitarios para garantir a seguridade tanto das persoas usuarias como persoal da instalación

Xa hai data para a reapertura da biblioteca municipal e Museo do Humor de Fene. Unha vez concluido o proceso de redacción, estudo e aprobación do correspondente protocolo e de adaptar a instalación para a nova “normalidade”, a Concellería de Cultura anuncia que será o vindeiro luns 15 de xuño. Tanto no caso da biblioteca coma no do museo, aplicaranse unha serie de medidas e cambios no funcionamento habitual dos servizos para garantir a seguridade de todas as persoas.

No que se refire á biblioteca, os servizos que se ofrecerán nun primeiro momento serán: préstamo de materiais, tramitación e recollida de carnés da biblioteca e consulta en sala restrinxida a fondos especiais, todo eles baixo o sistema de cita previa. Tamén se seguirá ofrecendo o servizo de información xeral e bibliográfica.

Ademais, as persoas usuarias que aínda teñan materiais emprestados na casa xa poden devolvelos no buzón de devolucións situado no exterior da Casa da Cultura, mesmo antes da reapertura do centro ao público. Se hai algunha dificultade para o seu uso ou teñen materiais que non poden ser depositados no buzón, a partir do luns día 8 poderán chamar aos números 981 34 23 02 / 607 625 346 - en horario de luns a venres, de 09:00 a 14:00 horas-, ou escribir un correo a fene.rbgalicia@eidolocal.es para facilitar unha solución alternativa.

Ademais, anúnciase que, para facilitar o retorno de materiais, ata o 30 de xuño non haberá sancións nas devolucións.

Unha vez aberta a biblioteca, os materiais devoltos seguirán sendo depositados no buzón ou nas caixas ubicadas para ese cometido. Polo momento non se permitirán as devolucións no mostrador.

Todos os materiais devoltos poranse en corentena durante 14 días para asegurar a súa correcta desinfección. Non se poderán facer reservas de materiais prestados ou en corentena, ata novo aviso.

Respecto á solicitude do carné, pódese facer este trámite en liña a través da web https://catalogo-rbgalicia.xunta.gal/cgi-bin/koha/opac-memberentry.pl. É importante lembrar que tanto para a tramitación presencial como para a recollida do carné da biblioteca, é imprescindible acudir co DNI, NIE, pasaporte ou carné de conducir.

As persoas usuarias non terán acceso á sala de lectura nin ás salas de préstamo, polo que todos os materiais serán solicitados ao persoal por teléfono ou por correo electrónico no momento de concertar a cita, ou de forma presencial no momento da súa visita reservada previamente.

Pódense consultar os materiais existentes e dispoñibles na biblioteca a través de https://catalogo-rbgalicia.xunta.gal/ ou tamén a través do teléfono, correo electrónico ou durante a súa cita presencial.

A atención presencial ofrecerase, con carácter xeral, entre as 10:30 e as 13.30 horas, sendo necesario reservar cita previamente a través dos números 981 34 23 02 / 607 625 346 ou enviando un correo a fene.rbgalicia@eidolocal. O horario de atención telefónica será de luns a venres, de 09:00 a 14:00 horas, namentres que o correo electrónico estará dispoñible as 24 horas durante os 7 días da semana.

Unha vez solicitada a cita, o persoal municipal confirmaralle á persoa o día e hora no que poderá acudir a recoller os materiais. Á biblioteca deberá acudir só a persoa que teña asignada a cita previa, sen acompañantes, a menos que se trate de persoas dependentes, que precisen axuda ou que estean en calquera outra situación que xustifique o acompañamento. Deberase informar desa circunstancia xa no momento de solicitar a cita. Quedan exceptuadas deste suposto as persoas menores de 14 anos que sempre virán acompañadas dunha persoa adulta.

Se algunha persoa ten dificultades para acudir á biblioteca para levar materiais en préstamo, poderá autorizar a outra persoa á empregar o seu carné. Pódese ampliar información sobre este aspecto nos teléfonos e no correo electrónico indicados anteriormente.

Para empregar o servizo de préstamo é indispensable vir co carné da biblioteca.

Por último, dende a biblioteca municipal de Fene lembran que as empresas provedoras de subministros deberán cinguirse ao horario de 09:00 a 10:00 horas e cumprir con estrictas pautas de seguridade para entregar as mercadorías.

 

Museo do Humor

Tamén no caso do Museo do Humor, as persoas interesadas en visitar a instalación nesta nova etapa deberán solicitar cita previa por teléfono (981 341 415 ou 981 342 400), Whatsapp (607 625 357) ou correo electrónico (museodohumor@fenecidadan.gal), concretando cos responsables municipais unha data e hora para o desenvolvemento da mesma.

O horario de atención telefónica para a solicitude de cita previa será de luns a venres, de 9:30 a 14:30 horas, podendo solicitarse as visitas ao Museo do Humor para o seguinte horario: de luns a venres, de 10:00 a 14:00 horas.

Unha vez concretada a data, a persoa deberá presentarse con puntualidade, comprometéndose ademáis a non exceder o tempo establecido para a duración da visita.

As visitas serán individuais, agás no caso de persoas que convivan na mesma unidade familiar ou unidade de convivencia análoga, que as poderán facer en grupo de non máis de 5 persoas (aconsellándose igualmente manter a distancia de seguridade interpersoal de dous metros entre elas). Polo de agora, non se realizarán visitas guiadas.

Para o desenvolvemento da visita, establecerase un circuito de sentido único que comezará na Sala dos Premios Curuxas e que concluirá na de Banda Deseñada para garantir, na medida do posible, o distanciamento social entre os visitantes e/ou co persoal traballador que en determinado momento poidan ter que acceder a estes espazos. Ademais establecerase unha duración máxima do tempo para cada visita que non poderá exceder dos 90 minutos.

Segundo informan dende a Concellería de Cultura, en vísperas da visita, enviarase á persoa solicitante por correo-e ou por whatsapp un documento coas normas hixiénico-sanitarias preventivas a ter conta durante a visita ao Museo do Humor e con algunas explicacións (sobre a historia, organización do Museo, contidos das salas, etc) para facilitar o desenvolvemento da mesma.

Medidas de seguridade e hixiene

Dende a Concellería de Cultura infórmase que, durante as últimas semanas, realizouse unha limpeza e desinfección intensiva da instalación e que, trala reapertura da mesma, reforzarase o servizo para garantir a seguridade de todas as persoas. Ao acceder á Casa da Cultura, tanto para dirixirse á biblioteca municipal como ao Museo do Humor, facilitarase á veciñanza xel hidroalcohólico para a hixiene das mans. Lémbrase ademáis á veciñanza a obrigatoriedade do uso de mascarilla durante a súa estadía no recinto municipal.

As persoas usuarias ou visitantes deberán gardar en todo momento a distancia de seguridade recomendada, tanto co persoal da Casa da Cultura coma cos outros posibles usuarios/as da biblioteca e/ou visitantes do museo. Prohíbese tocar as estanterías, mesas, vitrinas, bancos, espellos e demais mobiliario da instalación.