As instalacións deportivas municipais do Concello de Fene continuarán pechadas durante o verán
08-06-2020
A piscina municipal de Centieiras non abrirá durante os meses de verán. A Concellería de Deportes tomou esta decisión tendo en conta as restricións establecidas polas autoridades sanitarias para garantir a seguridade dos/as usuarios/as e as particulares características da instalación fenesa. Segundo informa a responsable da área, Ángeles Coira, “as reducidas dimensións do hall, corredores, vestiarios e aseos da piscina municipal non permiten garantir o distanciamento social de dous metros que exixe esta nova normalidade”, ademáis de que condicionarían a asistencia a nado libre das persoas usuarias (sendo posible únicamente para un número moi reducido deles).
Por outra banda, o campo de fútbol abrirá no mes de agosto para que os clubs federados de Fene poidan realizar a súa pretempada se así o precisan, sempre cumprindo o estipulado polo Ministerio de Sanidade en cada momento no que se refire a medidas de hixiene, distanciamento entre xogadores, grupos máximos nos adestramentos, etc.
O pavillón polideportivo da Xunqueira abrirá a partir do 1 de setembro para o adestramento de pretempada dos equipos federados do Concello de Fene, cumprindo igualmente o estipulado polas autoridades sanitarias competentes para garantir a seguridade das xogadoras e dos xogadores.
O Concello determinará no mes de xullo os prazos de solicitude de adestramento para estas dúas instalacións. Estes prazos así como as follas de solicitude, serán comunicados e enviados aos clubs e entidades deportivas municipais.