A exposición “Mundos etéricos” de Rosa Salanova amosarase na Casa da Cultura de Fene ate o vindeiro 17 de xullo
Nunha primeira fase as visitas deberán realizarse baixo o sistema de cita previa
12-06-2020
A mostra, inaugurada no mes de marzo, permaneceu pechada ao público dende o inicio do confinamento
Coincidindo coa reapertura do Museo do Humor, o vindeiro luns 15 de xuño abre ao público a sala de exposicións temporais ubicada na pranta baixa da Casa da Cultura de Fene. E faino coa mesma exposición que se amosaba nesta instalación municipal no mes de marzo cando se decretou o Estado de Alarma para a xestión da crise sanitaria provocada pola Covid-19. Segundo informa a Concellería de Cultura, a mostra “Mundos etéricos” de Rosa Salanova poderá visitarse do 15 de xuño ao 17 de xullo, de luns a venres e en horario de 10.30 a 14.00 horas.
Ademais, ao igual que para as visitas ao Museo do Humor, as persoas que queiran achegarse á exposición de Rosa Salanova deberán solicitar cita previa por teléfono (981 341 415 ou 981 342 400), Whatsapp (607 625 357) ou correo electrónico (museodohumor@fenecidadan.gal), concretando cos responsables municipais unha data e hora para o desenvolvemento da mesma.
O horario de atención telefónica para a solicitude de cita previa será de luns a venres, de 9:30 a 14:30 horas, podendo solicitarse visitas para a exposición “Mundos Etéricos” ou para o Museo do Humor para o seguinte horario: de luns a venres, de 10:30 a 13:30 horas.
Segundo Rosa Salanova, “Mundos etéricos é unha exaltación do meu Ser, que desexa expresar a través da arte os mundos sutís que habitan outros planos dimensionais, e que tamén forman parte da vida e representan a parte máis elevada da existencia”.
Sobre a artista:
Pintora fenesa, Rosa Salanova comeza a súa formación artística no ano 1989 da man do recoñecido pintor galego Ricardo Segura Torrella co que estudou durante varios anos debuxo, pintura, acuarela e técnicas mixtas. Tamén estudou gravado na Fundación CIEC (Betanzos) e no Museo de Belas Artes(A Coruña).
Participou en numerosas exposicións, tanto individuais como colectivas. Entre as primeiras, salientan: “Atlantis” (Galería Aurelio Aguirre, Club del Mar de San Amaro, A Coruña) e “Atlantis” (Galería Arga Galicia, A Coruña) 2019; “Madre-origen” (Galeria Arga Galicia, A Coruña) 2017; “Vivencias” (Sala de Arte Nov, A Coruña) 2016; “Reencuentros” (Galeria de Arte Nov, A Coruña) 2014; “Libertad absoluta” (Galeria Manuel Marquez, Ourense) 2012; “En construcción”, (Ggaleria de arte Perspolis, León) e “Espazos Vitais” (Galeria AlenKlass, A Coruña) 2010; “Miradas desde la ciudad” (Sala de Exposiciones Aires, Córdoba), “Realidades” (Galeria Sargadelos, A Estrada - Pontevedra) e “Naturaleza en ti” (Galeria de arte Alen Klas, A Coruña) 2009; “Natura Universo” (Ateneo ferrolan, Ferrol - A Coruña) 2008; Hotel Melia Mª Pita (Galeria Arte Imagen, A Coruña) 2004; “Reflejos de realidad” (Casa das Palmeiras, Neda) 2011)
Algunhas das exposicións colectivas nas que participou foron: Intercambio Cultural Ferrol-Terrassa “Novas Pontes” (Ferrol, 2009) e Terrassa-Ferrol “Nous Ponts” (Terrassa, 2010), como participante e comisaria de exposicion.
A súa obra, amais de en España, amósase en diversos países como Estados Unidos, Marrocos Italia , Francia, Cuba (Museo Bacardi), Colombia (Museo del agua, Museo de Arte Contemporáneo La Huila) ou Arxentina (Claudio León Sempere).
Entre os premios e recoñecementos que ten acadado, salienta o primeiro premio de grabado no Certame Museo Claudio León Sempere, (Bos Aires, Arxentina)