Liberdade de ser e sentir, 28 de xuño, Día Mundial da Diversidade Sexual
12-06-2020
O Concello de Fene, dende a Concellería de Benestar e Igualdade, adhírese un ano máis á Campaña “LIBERDADE DE SER E SENTIR!”, campaña de sensibilización impulsada pola área de Políticas de Igualdade da Deputación da Coruña con motivo da conmemoración do 28 de xuño “día da diversidade sexual”:
Dende a área de Igualdade do Concello de Fene apóstase, desde hai anos, por visibilizar a igualdade das persoas independentemente da súa orientación sexual e identidade de xénero co fin de normalizar e sensibilizar á sociedade sobre as diversidades sexuais e xerar unha sociedade máis tolerante e igualitaria.
O Concello de Fene colocará a bandeira cos cores da arco da vella na fachada da casa consistorial e invita a toda a veciñanza a facer o mesmo, lucíndoa dende as súas fenestras.
Este ano hai organizadas unhas serie de actividades que se van desenvolver dun xeito diferente por mor, loxicamente, da situación sanitaria que estamos a vivir. Todas as actividades que se leven a cabo serán en formato dixital, as cales están ao dispor de toda a poboación interesada do 8 ao 28 de xuño na web seresentir.gal.
Entre elas están as seguintes: palestras e entrevistas virtuais relacionadas coa diversidade sexual tratadas desde diferentes ámbitos sociais, contacontos LGTB e difusión dunha serie web sobre educación sexual para adolescentes, ademais doutros recursos e contidos.
As actividades complementaranse cun plan de comunicación e difusión para dar a coñecer a campaña máis sobre todo, para facer que o conxunto das veciñas e veciños da provincia participen activamente non só na visualización das actividades dixitais, senón tamén no concurso que se vai organizar.
Esta semana xa están dispoñibles varios capítulos da serie web S.E.X., que trata temas como a sexualidade, corpos, desexos, relacións íntimas..., e tamén a primeira das palestras, onde a xornalista Bárbara G. Vilariño entrevista á karateka Cristy Tojo: