Admitidas todas as persoas preinscritas no programa “Un verán diferente”, o 22 de xuño comeza a fase de matriculación.

Admitidas todas as persoas preinscritas no programa “Un verán diferente”, o 22 de xuño comeza a fase de matriculación.

As concellerías de Cultura e Deportes informan que, unha vez rematado o período de preinscrición, todas as persoas que a formalizaron e que figuran no listado que aparece no apartado de Descargar, resultaron admitidas en “Un verán diferente”.

A segunda quincena deste programa, do 3 ao 20 de agosto, non se vai levar a cabo ao non acadarse o mínimo do 50% das prazas ofertadas.


Como consecuencia da supresión da quincena de agosto, increméntase tanto o número de prazas na quenda de xullo (de 40 a 47) coma o de monitores/as á fronte da actividade para garantir a ratio de 1 monitor/a por cada 7 nenos/as que recomenda a Consellería de Política Social.
As persoas preinscritas teñen que efectuar a matriculación entre o 22 e o 30 de xuño. A documentación a achegar é a seguinte:


• Ficha de datos (ANEXO I).
• Ficha de datos médicos (ANEXO II)
• Declaración de autorizacións (ANEXO III)
• Aceptación de condicións de participación no programa (ANEXO IV)
• Fotografía tamaño carné co nome do/a neno/a ao dorso.
• Certificado/xustificante do pagamento da cota establecida.
• Copia da tarxeta sanitaria (no caso de mutualidades e outros seguros privados, fotocopia da tarxeta sanitaria e do cadro de médicos e de centros de referencia na zona).
• Informe/xustificante médico asinado polo facultativo pertinente (só no suposto de que o/a neno precise un tratamento específico ou teña algunha doenza que haxa que ter en conta. De ser o caso, facer constar as alerxias alimentarias ou de calquera outro tipo).
• Declaración responsable a respecto da COVID-19 (ANEXO V)


Prazos e lugar para achegar esta documentación:


• Das 9:00 h do 22 de xuño ás 14:00 h do 30 de xuño.
◦ ESTA DOCUMENTACIÓN ACHEGARASE PREFERENTEMENTE POR MEDIOS TELEMÁTICOS a través da sede electrónica municipal https://sede.fene.gal/ ou do Rexistro Electrónico Común, https://rec.redsara.es/registro/action/are/acceso.do
◦ EXCEPCIONALMENTE, matriculación presencial. Para acollerse a esta modalidade hai que solicitar cita previa no teléfono 981 340 366, de luns a venres en horario de 8:00 a 14:00 h. Acudir o día e a hora que se asigne provisto de máscara de protección facial. A preinscrición presencial farase do 22 de xuño ao 30 de xuño (de luns a venres) cos seguintes horarios:
◦ 22, 23 e 25 de xuño, de 9:00 a 14:00 e 17:00 a 20:00 h.
◦ 26, 29 e 30 de xuño, de 9:00 a 14:00 h.


O pagamento da cota hai que facelo mediante ingreso na seguinte conta:

Nº conta. Abanca
(IBAN)
ES83 2080 0209 5931 1000 0012

Concepto
UN VERÁN DIFERENTE!’2020. Nome e apelidos do/a neno/a participante na actividade

Hai que facer ingresos diferentes e individualizados por cada participante mesmo no caso que sexan irmáns/ás. Os ingresos hai que facelos indicando SEMPRE o nome do/a participante.
Non entregar a documentación requirida antes das 14:00 h do 30 de xuño implica a renuncia á praza.

As cotas a aboar son as seguintes:
• 1º membro da unidade familiar, 34 €
• A partir do 2º membro da unidade familiar, 18 €
Prevése a redución de cotas nos seguintes supostos:
• En situación de escasa capacidade económica, as tarifas poderán reducirse no 50% e mesmo acceder gratuitamente a esta actividade nos termos sinalados no artigo 4) da Ordenanza fiscal núm. 2.
• As persoas interesadas en acollerse ao suposto citado anteriormente, deberán formalizar igualmente a matrícula e o pagamento da cota nos prazos fixados.

O desenvolvemento do programa “Un verán diferente” axústase ao disposto na Resolución do 12 de xuño de 2020 da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade e ás “Recomendacións e medidas para o desenvolvemento das actividades de educación non formal, ocio educativo e tempo libre adaptadas á situación de COVID-19” da Consellería de Política Social, Dirección Xeral de Participación e Voluntariado. A empresa contratada para a prestación deste servizo aplicará o protocolo que podes consultar no apartado de Descargar e que se explicará detalladamente na reunión programada coas familias para o luns, 13 de xullo, ás 20:00 h no salón de plenos da Casa do Concello.

As participantes no programa “Un verán diferente” desenvolverán un conxunto de actividades coas que se pretende acadar os seguintes obxectivos:
• Participar dun espazo educativo estival, non regrado, dotado dunha dinámica propia
• Contribuír á formación socio-cultural e como complemento da curricular
• Favorecer actitudes positivas ante situacións cotiás e excepcionais.
• Desenvolver habelencias sociais que permitan relacionarse axeitadamente
• Desenvolver a imaxinación e a creatividade
• Fomentar a comunicación e a iniciativa, capacitando aos/ás nenos/as para a toma de
• decisións
• Educar a través do divertimento
• Favorecer o protagonismo e a participación nas actividades que desenvolvan
• Potenciar capacidades individuais que favorezan un bo desenvolvemento psicofísico
• Fomentar o respecto pola contorna máis inmediata e polo concello no que viven
• Valorar a riqueza lúdica e educativa do xogo
• Aprender a traballar en grupo e respectar o traballo dos demais
• Fomentar o desenvolvemento das capacidades motrices, físicas, artísticas, plásticas,
• estéticas, creativas, emocionais e de relación entre os menores.
• Desenvolver normas de hixiene e comportamentos de coidado persoal e colectivo adecuados á actual situación sanitaria.

Descargas