Presentación do libro gañador do XXXII Certame Premio Nacional de Poesía Pérez Parallé
15-07-2020
As instalacións do CMI Unidade de Fene acollen este sábado, 18 de xullo, a partir das oito do serán, a presentación de Deriva, de Regina Touceda, libro gañador do XXXII Certame Premio Nacional de Poesía Pérez Parallé que ve a luz coa colaboración da editorial Espiral Maior e do Concello de Fene. O acto, que ía celebrarse inicialmente o pasado 16 de maio, tivo que aprazarse por mor da pandemia provocada pola Covid-19. O alcalde de Fene, Juventino Trigo, o fundador e director literario da editorial Espiral Maior, Miguel Anxo Fernán Vello, e o coordinador do certame, o tamén escritor Eduardo Estévez, acompañarán este sábado a Regina Touceda na presentación do seu libro. O acto completarase coa actuación do grupo Encrucillada.
Regina Touceda é a máis nova das gañadoras do Premio Pérez Parallé. Naceu en Cuntis en 1999 e é estudante de filoloxía galega. O Premio sorprendeuna en Cork, onde estivo de Erasmus o curso pasado, e dende onde se desprazou en novembro de 2019 a Fene para asistir ao acto de entrega do premio.
Touceda fora accésit do IV Concurso Escolar de Poesía Rosalía de Castro. Ademais, en maio de 2018 foi unha das seis autoras escolmadas por Carlos Callón en Seis poetas que comezan, especial do semanario Sermos Galiza, con poemas de Arancha Nogueira, Carlos Lixó, Jorge Durán, Belén Senín e Serxio Abalo, xunto cos de Regina Touceda.
O premio Pérez Parallé diríxese a autoras e autores inéditos en libro. Está dotado con 2.500 euros e a publicación da obra distinguida en Espiral Maior. Entre os poetas que o gañaron están Mario Regueira, Xiana Arias,Susana Sánchez Aríns ou Jesús Castro Yáñez.
O xurado do XXXII Certame Premio Nacional de Poesía Pérez Parallé estivo integrado por Lorena Souto, gañadora do certame en 2011, e polos poetas Daniel Salgado e Elvira Ribeiro.