A ceramista local Carme Romero encargarase da lectura da declaración institucional
O Parque Liñal do Cádavo acollerá este venres o acto institucional co gallo do Día da Patria Galega
O Concello de Fene pospuxo para o outono o ciclo cultural con motivo do 25 de xullo
21-07-2020
Fene non renuncia neste 2020 a celebrar o 25 de Xullo, Día da Patria Galega, aínda que sexa cun acto sinxelo e adaptado ás novas medidas preventivas da COVID-19. A Corporación Municipal e maila veciñanza que queira participar do acto reuniranse no monumento que conmemora a data -situado no Parque Liñal do río Cádavo- para escoitaren a xa tradicional declaración institucional. Da súa lectura encargarase nesta ocasión a artista local Carme Romero Díaz, impulsora da Escola de Cerámica do Muíño do río Va, en Maniños.
Romero -Fene, 1964- iniciouse na arte a través da pintura e en 1999 deu o salto á cerámica nun taller do barrio de Hortaleza, en Madrid, onde residiu ata 2011. Case tres décadas despois de marchar de Fene volveu á terra, onde expuxo o traballo "Mulleres mariñas", unha colección de esculturas expresivas da súa arela polo mar. Esa colección representaría a Galicia na edición de 2014 do Festival Intercéltico de Lorient.
Nese mesmo ano asistiu en Lugo a un curso do ceramista local Francisco Pérez Porto, autor, entre outros, do Monumento ao Pallaso. Del aprenderá novas técnicas e, ademais, Pérez Porto será un dos seus colaboradores na Escola de Cerámica do Muíño do río Va, en Maniños, promovida por Romero como "un proxecto de vida" con apoio municipal e da Asociación Etnográfica Amigos do Río Va.
Unha das súas coleccións máis exitosas foi e está sendo "Meigas, sabias e mulleres boas", composta por obras en cerámica policromada duns 50 centímetros de altura que non se cinguen unicamente a representar figuras femininas, senón que a muller tamén se integra noutros elementos e mesmo se asocia con motivos da natureza e formas conectadas coa Terra, matriarca en último caso de todo o que hai darredor.
Segundo explicaba a propia autora nunha entrevista, as súas protagonistas son caras e formas que tratan de reflectir "un episodio ou unha vida destas mulleres que non teñen nada que ver co concepto de bruxa que ten a maioría da xente. Estas son as meigas galegas e tiñan un papel importante de axuda na sociedade".
Por causa do seu activismo artístico e cultural, o Concello de Fene convidou a Carme Romero a que pronuncie este venres ás 20.30h. a declaración institucional con motivo do Día da Patria Galega, celebración fixa no calendario fenés e unha das datas máis relevantes do ano.
O acto terá lugar ao pé do monumento "25 de xullo. Día da Patria Galega", situado no Parque Liñal do río Cádavo. Nel intervirán, ademais da ceramista, o Concelleiro de Cultura, Justo Martínez e o rexedor local, Juventino Trigo. Tamén están convidadas e convidados os demais compoñentes da Corporación Municipal e toda aquela veciñanza que se queira sumar a un evento que finalizará cunha ofrenda floral e co Himno Galego interpretado por un grupo de gaiteiros de Airiños de Fene. Lémbrase a obriga de asistir con máscara e de gardar a distancia de seguridade mínima de polo menos 1,5 metros.
O ciclo do Día da Patria, para o outono
A celebración do 25 de Xullo en Fene rodeábase habitualmente de numerosos eventos culturais ao longo de todo o mes, principalmente musicais, que se desenvolvían na súa maioría na Praza do Alcalde Ramón Souto González.
O Concello tiña practicamente pechado o programa aló polo mes de febreiro e, debido á crise sanitaria, barallou tres posibilidades: suspender as actividades, agardar a ver como evolucionaba a pandemia sen moverlles a data ou, a elixida finalmente, adialas para o outono e facéndoas de maneira descentralizada, co obxectivo de apoiar o labor de dinamización que desenvolve o tecido sociocultural do municipio.
Así, o Festival Ciclo Día da Patria Galega ten datas fixadas entre novembro e decembro con actuacións variadas nos locais das entidades. Os espectáculos -que comprenden música, humor e circo- fináncianse con fondos municipais e co programa da Rede Cultural da Deputación da Coruña.
Polas datas elixidas, a programación do Día da Patria irase alternando co ciclo de monólogos "Novembro, mes do humor" que comezará o venres 6 de novembro -día en que se entregarán tamén os premios Curuxa de Humor Gráfico que se fallan este mércores- e que se prolongará todos os vernes seguintes até o 27 de novembro. Así, Fene contará durante todo o mes de novembro con actividades culturais todos os venres e sábados que practicamente engancharán co programa do Nadal.
Ademais este ciclo irá precedido doutras citas durante o mes de setembro, dentro do programa Cultura no Camiño+ da AGADIC con motivo do Xacobeo 21. A convocatoria abriuse recentemente a todos os municipios galegos (non só aos das rutas xacobeas) e, no caso de Fene, contaremos o 19 de setembro coa Compañía Asacocirco nos arredores do CPS de San Valentín, o 25 de setembro co monólogo de David Amor na Casa da Cultura e para rematar, o 26 de setembro O Sonoro Maxín no local social do ACRD O Pote de Maniños.