Un verán diferente para corenta e un nenos e nenas de Fene
24-07-2020
O campamento “Un verán diferente”, que se está a desenvolver nas instalacións do Ceip Centieiras de Perlío, chega ao seu ecuador cumprindo os obxectivos marcados pola Concellería de Cultura de Fene de combinar as actividades lúdicas, deportivas e educativas coa concienciación e o coidado hixiénico-sanitario dos/as participantes fronte á Covid-19. Ao longo desta semana, as nenas e nenos realizaron actividades nas hortas didácticas e na cociña solar de Aspaneps. Ademais, participaron en distintos xogos de auga e de psicomotricidade; realizaron experimentos e asistiron a talleres de cociña saudable, entroutras moitas actividades. Para seguir a evolución do programa, pódese consultar o blog de "Un verán diferente" onde se van publicando a diario información e fotografías das actividades realizadas.
Corenta e unha nenas e nenos están a participar no campamento de conciliación da vida laboral e familiar “Un verán diferente” que organiza o Concello de Fene até finais do mes de xullo. A actividade comezou o pasado 16 de xullo e concluirá o día 31 deste mesmo mes.
“Un verán diferente” centra o seu proxecto nas actividades ao aire libre, tal e como se recolle nas recomendacións e medidas para o desenvolvemento das actividades de educación non formal, ocio educativo e tempo libre adaptadas á situación de COVID-19, publicadas pola Xunta de Galicia.
Todo o monitorado asignado a este programa conta con formación previa en medidas hixiénico sanitarias. Asemade, as actividades realízanse respectando a ratio dunha monitora ou monitor por cada grupo de sete nenas ou nenos, seguindo as instrucións anteriormente mencionadas. E, perante a sospeita duna posible caso de COVID-19, o equipo conta cun protocolo de actuación.
En todas as actividades trabállase de xeito transversal o fomento da igualdade, seguindo o exemplo no comportamento, actitudes e expresións do propio monitorado. Ademais, realizaranse obradoiros de corresponsabilidade e coeducación, obradoiros de elaboración de instrumentos de percusión, obradoiros medioambientais, actividades de iniciación a práctica deportiva de diferentes deportes, obradoiros de reciclaxe...