O alcalde de Fene, o concelleiro de Cultura e membros da Corporación Municipal arrouparon á ceramista fenesa Carme Romero na lectura da declaración institucional do Día da Patria Galega
"Saúde e canta o paspallás"
24-07-2020
Con estas verbas, a ceramista fenesa Carme Romero rematou esta tarde a lectura da declaración institucional do Día da Patria Galega, rememorando aqueles anos nos que "rematando a guerra do 36, o ser galeguista era tan perseguido que un grupo de amigos entre os que se atopaba Pérez Parallé", para se reunir usaban como contrasinal "Saúde e canta o paspallás".
Durante a súa intervención, a impulsora da Escola de Cerámica do Muíño do río Va (Maniños), serviuse das súas experiencias vitais e profesionais para reivindicar o noso patrimonio material e inmaterial e, particularmente, a nosa lingua, "esta lingua tan fermosa, chea de palabras e verbas que definen con perfección todo o que teño ó meu arredor, o traballo, os meus sentimentos, as lembranzas, a natureza que me rodea, o que vivo".
Pero ademais, "Carme a galega" (como a coñecían durante os anos que pasou fóra de Galiza) falou dos seus anceios: "Gústame imaxinar o meu país cheo de mulleres, doces, fortes, valentes, traballadoras, meigas, sabias e boas. Figúroas defendendo esta natureza tan fermosa que temos. Pénsoas en soutos, carballeiras, en campos de millo un ano e ao seguinte de trigo. Libres, felices, cheas de cores buscándose nas miradas, sen muros que escondan e destrúan a redondez da nosa terra e a nosa paisaxe. Gardando con celo as pequenas grandes cousas que nos fan ser como somos".
O acto, que tivo lugar a carón do "Monumento 25 de xullo. Día da Patria Galega", estivo presidido polo alcalde de Fene, Juventino Trigo, quen fixo referencia á conmemoración neste 2020 do centenario do Día da Patria Galega, "unha efeméride que ao longo dos anos convertemos nunha xornada de festa e reivindicación na que o pobo galego con identidade propia, con lingua de seu, co noso himno e bandeira reforza e se reafirma nestes símbolos que expresan a nosa vontade colectiva como nación".
Ademais, Trigo reivindicou, como plenamente vixentes, os principios da Xeración Nós, "a necesidade de ter voz propia no mundo e dunhas institucións ao servizo das maiorías sociais, que sexan fiel reflexo da plena soberanía do pobo galego para poder decidir sobre o que afecta ás nosas vidas como nación".
Membros da Corporación Municipal de Fene e numerosos veciños/as participaron tamén no acto que tivo lugar esta tarde no "Monumento 25 de xullo. Día da Patria Galega", no Parque Liñal do río Cádavo, e que concluíu coa interpretación do Himno Galego a cargo dun grupo da Banda de Gaitas Airiños de Fene.
Declaración institucional do Día da patria galega
"Boa noite, unha de Fene saúdavos e quere dar as grazas ao seu alcalde Juventino, a Justo, o concelleiro de cultura e ao persoal do concello por me invitar este día para honrar dalgunha maneira o Día da patria galega.
Botei longos anos sabendo o que botaba de menos e o que nos diferenciaba doutros lugares e doutra xente. Souben, que por esas diferenzas o meu alcume era Carme “la gallega”; e iso, acarreábame a responsabilidade e distinción de ter que exercer como unha especie de embaixadora e salientar o mellor de min e da nosa cultura.
Fun consciente de moitas cousas. Do contraste do noso carácter, doce e engaiolador con esa fonética que levamos con nós aínda que falemos castelán, e da fortaleza vehemente que nos sae cando temos que defender unha causa na que cremos, e asusta a quen non nos coñece.
Souben, que é máis doado nos relacionar con xente galega coma nós, que temos códigos de convivencia e unha maneira de ser e de ver a vida semellante. Igualmente souben que nos custa entrar en confianza, pero logo de merecelo, un amigo ou amiga sabía que nos podería ter para o bo e para o malo.
Sempre celebrei o Entroido na casa collendo calquera cousa para nos disfrazar, enxeñando a maneira de ser o máis orixinal e por suposto gardando o anonimato Vino dende nena co meu avó Antonio ou...Toniño o de América, non porque fose a América senón porque a miña avoa así se chamaba; dos “Nafaja” porque cando era moi pequeno un día preguntáronlle que onde vivía, el dixo que na Faja, (a Fraga) e así dou pé ao alcume da familia, os “Nafaja”. Para min era Pino, por padriño quen gañou moitas veces diversos premios en Fene cos seus incribles disfraces. Está claro que somos moi de alcumes, aínda que sexa para lembrar as nosas historias.
Por suposto, nunca faltou quen nesas datas puxese unhas mans para estirar unhas orellas e facer unhas filloas nunha xuntanza, e logo, a consabida degustación.
Polo outono, ano tras ano, chegaba o magosto cos avós de visita e os colares de zonchos, e o cheiro ás castañas asadas e os comensais sempre asombrándose co contraste ao meter na boca as castañas e as sardiñas arenques que no piso, non se podían aplastar coa porta, como lembraba de pequena.
Polo Samaín nunca deixei de contar en colexios ou institutos a nosa tradición, moito más anterga e fermosa que o outro que sae en tantas series, películas e demais. Non tiñan nin idea de que en Galicia (algo tan cercano) existira tal cousa.
Tiña presente que para calquera xuntanza ían pedirme que fixese unha empanada e algunha vez ao ano tería que facer unha queimada recitando o esconxuro do noso benquerido D. Xosemaría Pérez Parallé. Na casa nunca faltou unha copa da nosa bebida tradicional, a guinda, ou o licor de herbas que durante vinte moitos anos encargueime de facer no verán.
Cando comecei a facer cerámica, as miñas primeiras pezas enchinnas de petróglifos, e logo, a necesidade e a ausencia do noso mar eran tan abafantes que fixeron xurdir a miña primeira colección que nomeei “mulleres mariñas” facianas de muller con corpos de peixe cantando polos mares haikus en galego.
Expúxenas o primeiro ano á miña volta, xa vai para nove anos, aquí, en Fene.
Ao voltar pregunteime quen ía ser agora, na miña terra? Sigo a ser Carme a galega.
Gozo intensamente de poder falar esta lingua tan fermosa, chea de palabras e verbas que definen con perfección todo o que teño ó meu arredor, o traballo, os meus sentimentos, as lembranzas, a natureza que me rodea, o que vivo no mar, na horta. Tanto me fai sentir poder falar na miña lingua nai que achei a maneira de expresalo con poesías e cantigas coas que gozo e comparto de cando en vez.
Gústame imaxinar o meu país cheo de mulleres, doces, fortes, valentes, traballadoras, meigas, sabias e boas. Figúroas defendendo esta natureza tan fermosa que temos. Pénsoas en soutos, carballeiras, en campos de millo un ano e ao seguinte de trigo. Libres, felices, cheas de cores buscándose nas miradas, sen muros que escondan e destrúan a redondez da nosa terra e a nosa paisaxe. Gardando con celo as pequenas grandes cousas que nos fan ser como somos.
E iso todo, a onde a imaxinación me leva, teño a fortuna de poder facelo realidade co meu traballo. O barro dáme a oportunidade de crear ese mundo tan fermoso que desexo para o meu país, de contar as nosas lendas, as nosas tradicións con pezas de cerámica. Intento facelo dunha maneira digna e con moita honra, representando esa Galicia que non quero que desapareza nunca.
Hai uns anos un etnógrafo díxolle ao meu pai, Francisco Romero López, que, probablemente era o único que quedaba sabendo facer “violiños” de millo, parece ser que só se facían na zona de Fene. Un día animeino a ir a un colexio de Fene a lle ensinar aos nenos e nenas como se facían, por cuestión de datas non se chegou a fraguar. Como tiña as canas do millo escollidas achegueime unha tarde para pregarlle que mo ensinase.
Hoxe, que eu saiba, penso que teño a honra de saber facer algo que xa se facía hai moitos moitos anos e teño a obriga cara ao meu pai, e a responsabilidade de ensinalo para que, como moitas outras cousas da sabedoría popular, non esmoreza no esquecemento. Debémoslle a toda esa xente maior, aos nosos devanceiros a procura de manter o seu legado para as seguintes xeracións.
Rematando a guerra do 36, o ser galeguista era tan perseguido que un grupo de amigos entre os que se atopaba Pérez Parallé, para se reunir usaban un contrasinal co que hoxe quero rematar a miña declaración institucional do Día da patria galega. Saúde e canta o paspallás".
Carme Romero
24 de xullo do ano 2020