O campamento “Un verán diferente” chega ao seu fin
30-07-2020
Último día no campamento “Un verán diferente” que se está a desenvolver nas instalacións do Ceip Centieiras de Perlío coa asistencia de corenta e un nenos e nenas de Fene. Nesta derradeira semana, os/as participantes realizaron xogos de auga, actividades de equilibrio, xogos cooperativos e alternativos, obradoiros de volvoretas, herbarios e talleres de cociña saudable, entroutras actividades. Ademais, aproveitando o bo tempo, visitaron o parque Castelao. Para festexar a fin do campamento, os/as responsables da actividade programaron para hoxe unha xornada especial na que os nenos/as realizarán os seus xogos preferidos da programación.
“Un verán diferente” comezou o pasado 16 de xullo, centrando o seu proxecto nas actividades ao aire libre, tal e como se recolle nas recomendacións e medidas para o desenvolvemento das actividades de educación non formal, ocio educativo e tempo libre adaptadas á situación de COVID-19, publicadas pola Xunta de Galicia. En todas as actividades traballouse de xeito transversal o fomento da igualdade, seguindo o exemplo no comportamento, actitudes e expresións do propio monitorado. Ademais, realizáronse obradoiros de corresponsabilidade e coeducación, obradoiros de elaboración de instrumentos de percusión, obradoiros medioambientais, actividades de iniciación a práctica deportiva de diferentes deportes, obradoiros de reciclaxe...
Para seguir a evolución do programa, habilitouse o blog "Un verán diferente" onde se publicou a diario información e fotografías das actividades realizadas.