Últimos días para visitar na Casa da Cultura de Fene a exposición do XVI Premio Isaac Díaz Pardo de artes plásticas
24-08-2020
A mostra permanecerá en Fene até este xoves, con horario de visita de 10.30 a 13.30h. Cómpre solicitar cita previa a través do 981 341 451
O Premio Isaac Díaz Pardo naceu co obxectivo de “apoiar novos nomes para a nosa arte, promocionar as súas obras, recoñecer a creatividade plástica e difundir as novas linguaxes nas que se están a expresar neste tempo”. A través desta convocatoria, a Deputación da Coruña premia as obras e, ademais, adquire as seleccionadas para formar parte do seu patrimonio. Con elas artella unha exposición itinerante á procura de novos públicos e da democratización da arte, seguindo o camiño que abrira o propio Díaz Pardo.
Mauro Trastoy Lindín conquistou ao xurado coa súa obra ʻ7ʼ na XVI edición do certame. O artista e deseñador gráfico creou unha peza na que combinou diferentes técnicas artesanais dando lugar a unha “pintura sen pintura”. Unha peza que, a partir da súa experimentación cos materiais, funde arte, deseño e artesanía, vangarda e tradición, nun espectáculo para os sentidos.
Trastoy conta cunha longa experiencia que o coroa como un dos grandes personaxes da arte contemporánea galega. As súas obras xa foron expostas en numerosas mostras individuais e colectivas.
A obra gañadora intégrase nunha colección máis ampla de pezas presentadas ao premio por Carlos Maciá, Marcos Costa Moreira, Mikel Vergara, José Luís Seara, Verónica Moar, Joan Morera, Pablo Barreiro ou Tatiana Medal. E, canda elas, creacións de Jacobo Bugarín, Manuel Lareo, Cillas Rodríguez, María Meseguer, Rosana Calvo, Edu Fernández, Berio Molina, Andrés Gabarres, Nuria Lago, María José Santiso ou Mar Caldas, que forman parte desta mostra que permanecerá na Casa da Cultura de Fene até este xoves 27 de agosto. O horario de visita é de 10.30 a 13.30h. e cómpre reservar cita previa a través do 981 341 451. Tralo seu paso polo noso concello, a exposición trasladarase a Brión, logo a Noia e finalizará o seu percorrido en Cambre.
A mostra e o catálogo resultante do certame constitúen, segundo a Deputación, "plataformas inmellorables para dar a coñecer as obras plásticas dos artistas da nosa provincia”. O catálogo pódese solicitar ao realizar a visita na conserxaría da Casa da Cultura de Fene (até fin de existencias).