Aberto o prazo de reserva de entradas para o espectáculo “Circo de lume” de Asacocirco
15-09-2020
A Concellería de Cultura informa de que xa se poden adquirir a través da páxina de Ataquilla.com as entradas para asistir ao espectáculo “Circo de Lume”, de Asacocirco. Esta primeira función do ciclo Cultura no Camiño terá lugar este sábado ás 22 horas nas inmediacións do CPS de San Valentín (entre os bloques 11-12 do barrio fenés). As entradas son de balde ate completar aforo (80 localidades) pero cada persoa só poderá reservar un máximo de dous pases, rexistrando os datos das 2 persoas que acudirán ao espectáculo.
Circo de lume é “un espectáculo de acción pura que pretende manter a atención ao 100% e impresionar ao público. Consta de números emocionantes, que mesturan técnicas de baile con malabares, manipulación, “pirofagia”, humor e contacto directo co público. Os artífices desta función, Joao Alvim e Miriam Crespo, malabaristas con máis de 13 anos de adestramento, fan que este espectáculo brille con efectos visuais impresionantes e con seguridade, dignificando así o motivo dos actos con lume. Espectáculo para todos os públicos ideal para a noite”.
Tanto o espectáculo de Asacocirco coma os demais que se inclúen no ciclo “Cultura no Camiño” desenvolveranse baixo a previsa de #culturasegura, aplicándose os protocolos en materia de prevención e seguridade fronte á Covid 19 definidos pola Xunta de Galicia para este tipo de espectáculos. Así, o aforo será limitado ao obxecto de garantir as distancias de seguridade. Ademais, para acceder a calquera deles haberá que reservar previamente a entrada a través da páxina web de Ataquilla.com.
Recoméndase así mesmo acceder aos espectáculos con media hora de antelación á hora fixada para o seu comezo tendo en conta que a reserva de entradas perderá vixencia se non se está na fila de entrada 15 minutos antes do comezo dos
espectáculos. A partir dese momento admitirase a entrada sen reserva, por orde de chegada e sempre que haxa aforo dispoñible. Ademais, infórmase de que, aos efectos da dar cumprimento aos protocolos de seguridade, os datos das persoas asistentes poderán ser verificados pola organización para o acceso aos recintos.
En canto ás medidas hixiénico-sanitarias implantadas, lémbrase que haberá un punto de desinfección de mans no acceso aos recintos. Ademais, o uso da máscara será obrigatorio durante todos os espectáculos e non se permitirá o acceso con comida, bebida ou obxectos que poidan ser considerados perigosos pola organización. Por último, o público permanecerá sentado en cadeiras individuais (non haberá para grupos de convivintes) durante todo o espectáculo no lugar que lle asigne a organización e realizará a entrada e saída de xeito ordenado seguindo as instrucións da organización.
Trala actuación deste sábado de Asacocirco, o ciclo Cultura no Camiño de Fene continuará o venres 25, ás 22 horas, na Praza do Concello baixo carpa* co monologuista David Amor e o seu espectáculo Love está en el aire. O ciclo concluirá cun concerto de O Sonoro Maxín, con De navallas e cumbias, o sábado 26 de setembro ás 22 horas na Praza do Concello baixo carpa*.
Cultura no camiño é un ciclo promovido pola AGADIC co patrocinio de Gadis, Marca Galicia, Xacobeo 2021 e Xunta de Galicia, coa colaboración do Concello de Fene.
* por razóns organizativas e sanitarias os espectaculos dos días 25 e 26 de setembro cunha programación inicial noutras localizacións realizaranse finalmente baixo carpa na Praza do Concello.