Tardes activas
28-09-2020
Inscricións no Centro Municipal de Servizos Sociais -981 342 607 e 981 492 706- ou no correo servizos.sociais@fene.gal.
Covid 19. Alén do uso obrigatorio de máscara e das medidas hixiénicas, o departamento de Servizos Sociais marcou un límite de entre 8 e 10 prazas para adaptar cada sesión dos obradoiros á nova realidade. Ademais tamén reducirán a súa duración a 45 minutos co obxectivo de poder facer dous grupos e garantir que ninguén quede fóra das actividades por causa dos aforos preventivos. A idea é traballar os contidos de maneira presencial e complementalos con exercicios e "deberes" que as participantes poidan facer na casa se desexan reforzar o aprendido.
Sesións:
"+Memoria", coa finalidade de mellorar a memoria, a atención, a coordinación, o cálculo ou a linguaxe. Terá lugar os luns de 17.30 a 19.00h. en Limodre, os martes de 16.45 a 18.15h. no CPS de San Valentín, os mércores de 17.30 a 19.00h. no local da ACDR O Pote de Maniños e, como novidade, tamén haberá un encontro matinal os martes de 12.00 a 13.30h. no CMI Unidade de Fene.
"Recordando o noso", que usará a recuperación da memoria histórica do concello e da parroquia como maneira de facer traballar a cabeza, desenvolverase os xoves de 18.15 a 19.45h. no local da ACDR Liga de Amigos de Barallobre e os venres de 16.30 a 18.00h. no CCRD de Perlío, de 18.30 a 20.00h. na ACDR Agarimo de Sillobre e de 19.00h. a 20.30h. na AVV San Xurxo de Magalofes.
"Recuperación da memoria", onde se fan actividades encamiñadas a mellorar a memoria, a linguaxe, a orientación e a atención coa finalidade de retrasar o inicio de demencias ou mantelas estables. Neste caso o obradoiro ofrecerase no Centro Municipal de Servizos Sociais de San Valentín os xoves entre as 16.30 e as 18.00h.