Este martes abre o prazo de reserva de entradas para o concerto didáctico do rapeiro García MC

Este martes abre o prazo de reserva de entradas para o concerto didáctico do rapeiro García MC

A actuación encádrase no ciclo Festival das Ondas Urbanas que organiza a Concellería de Cultura de Fene coa colaboración da Deputación da Coruña

García MC é un referente como coach no mundo adolescente. É músico de rap co-fundador de iniciativas como Dios Que Te Crew ou Nación Quilombo, entre outras.
Dende o ano 2004, o artista realiza obradoiros de cultura Hip Hop e rimas en galego cun grande impacto en varias xeracións. No concerto didáctico deste venres en Fene (CCRD de Perlío, 21.30 horas), García MC fará un repaso, xunto con un Dj de hip hop de prestixio, pola historia do rap na nosa lingua; dende o pre-rap dos Resentidos ou Charly J até Dios Que Te Crew, chegando ao panorama actual de rap en galego con ducias de propostas de toda Galicia.


As entradas para asistir ao espectáculo poranse a disposición do público este martes 29 de setembro ás 9.00 horas na páxina de Ataquilla. Serán gratuítas pero cada persoa só poderá reservar un máximo de dous pases -rexistrando os datos das dúas persoas que acudirán ao espectáculo- até completar o aforo que, neste caso, ascende a 20 persoas.


O Festival das Ondas Urbanas 2020 incluirá tres funcións ao longo vindeira fin de semana. Tralo concerto de García MC do venres, o sábado 3 de outubro actuarán na Praza do alcalde Ramón José Souto González a partir das 20 horas o grupo Street Dance Presto Vivace e, a continuación o mesmo día, a cantante Wöyza. Ámbalas dúas actuacións desenvolveranse baixo carpa e con aforo limitado (146 persoas).

Todos os espectáculos do Festival das Ondas Urbanas de Fene desenvolveranse baixo a premisa da #culturasegura, con reserva de entradas, aforos limitados e estrito cumprimento das medidas de seguridade. Neste senso, dende a organización recomendan aos/ás asistentes acceder aos espectáculos con media hora de antelación á hora fixada para o seu comezo xa que a reserva de entradas perderá vixencia se non se está na fila de entrada 15 minutos antes do comezo dos mesmos. A partir dese momento admitirase aentrada sen reserva, por orde de chegada e sempre que haxa aforo dispoñible. Ademais, infórmase de que, aos efectos da dar cumprimento aos protocolos de seguridade, os datos das persoas asistentes poderán ser verificados pola organización para o acceso ao recinto.

En canto ás medidas hixiénico-sanitarias implantadas, lémbrase que haberá un punto de desinfección de mans e que o uso da máscara será obrigatorio en todos os espectáculos. Ademais, non se permitirá o acceso con comida, bebida ou obxectos que poidan ser considerados perigosos pola organización. Por último, o público permanecerá sentado en cadeiras individuais (non haberá para grupos de convivintes) durante todo o espectáculo no lugar que lle asigne a organización e realizará a entrada e saída de xeito ordenado seguindo as instrucións da organización.