O lobo bobo, de Elefante Elegante, protagonizará a segunda sesión de contacontos da biblioteca de Fene
02-10-2020
O salón de actos da Casa da Cultura acollerá o vindeiro xoves 8 de outubro, ás 18.00 horas, unha nova función do ciclo “Ler conta moito” que organiza a biblioteca municipal de Fene no marco do programa para a dinamización da lectura da Xunta de Galicia.
Nesta segunda sesión, a compañía Elefante Elegante presentará o espectáculo “O lobo bobo”, dirixido a nenos/as a partir de 3 anos. A entrada será gratuíta pero con aforo limitado a 20 persoas (10 nenos/as e 10 adultos/as). Para asistir cómpre reservar entrada chamando por teléfono á biblioteca de luns a venres, de 16 a 21 horas, ou os sábados, de 10 a 13 horas (teléfonos de contacto: 981342302 / 607625346).
“¿Qué pasaría se o lobo da Carapuchiña se fixese vexetariano? ¿Que acontecería se a Madrasta de Branca de Neve se convertise nun dos tres Porquiños por mirarse tanto no espello máxico?” A resposta a estas e outras preguntas poderémolas descubrir neste espectáculo, “O lobo bobo”, de Elefante Elegante.
Trala función de Elefante Elegante do vindeiro xoves, o ciclo “Ler conta moito” concluirá en Fene o xoves 15 de outubro cunha actuación de Ghazafellos (“A máquina do tempo”).
Todas as funcións deste programa desenvólvense baixo a premisa da #culturasegura, con reserva de entradas, aforos limitados e estrito cumprimento das medidas de seguridade. Neste senso, dende a organización recomendan aos/ás asistentes acceder aos espectáculos con media hora de antelación á hora fixada para o seu comezo xa que a reserva de entradas perderá vixencia se non se está na fila de entrada 15 minutos antes do comezo dos mesmos. A partir dese momento admitirase a entrada sen reserva, por orde de chegada e sempre que haxa aforo dispoñible.
Ademais, infórmase de que, aos efectos da dar cumprimento aos protocolos de seguridade, os datos das persoas asistentes poderán ser verificados pola organización para o acceso ao recinto.
En canto ás medidas hixiénico-sanitarias implantadas, lémbrase que haberá un punto de desinfección de mans e que o uso da máscara será obrigatorio en todos os espectáculos. Ademais, non se permitirá o acceso con comida, bebida ou obxectos que poidan ser considerados perigosos pola organización. Por último, o público permanecerá sentado en cadeiras individuais durante todo o espectáculo no lugar que lle asigne a organización e realizará a entrada e saída de xeito ordenado seguindo as instrucións da organización.