Este venres abre o prazo de solicitude do Bonobús Universitario para o curso 2020-2021
08-10-2020
Facilitar o desprazamento diario, de luns a venres, no traxecto Fene-A Coruña-Fene para o estudantado universitario fenés que estea matriculado en calquera dos campus da cidade de A Coruña durante este curso 2020-2021 é o obxectivo do programa Bonobús Universitario que convoca un ano máis a Concellería de Cultura do Concello de Fene. Trala publicación das bases da convocatoria no BOP núm. 168 do xoves 8 de outubro de 2020, o prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto dende o venres 9 ao luns 19 de outubro, ámbolos dous incluídos.
As solicitudes presentaranse, xunto coa documentación requirida nas bases, no Rexistro Xeral do Concello por vía telemática ou por vía presencial en días laborables, de luns a venres, en horario de 08.30 a 14.00 horas (neste caso, deberán pedir cita previa no teléfono 981 061 034). Para información sobre dúbidas relacionadas co programa pódese chamar ao teléfono 607 615 673.
A Convocatoria de subvencións ao transporte de estudantes universitarios/as do Concello de Fene vai dirixida ao estudantado que estea empadronado/a e teña residencia efectiva no Concello de Fene como mínimo dende o 1 de xuño de 2020 e que curse estudios universitarios para os que sexa preciso desprazarse até a cidade da Coruña. Tamén son requisitos “non superar os máximos de base liquidable xeral sometida a gravame por unidade familiar (base 7ª) e non ter pendente de xustificación por parte do solicitante ningunha subvención concedida polo Concello de Fene (sempre que finalizara o prazo de xustificación).
Neste curso, o Concello de Fene destina un total de 7.500 € para financiar o programa. As subvencións concedidas variarán en función do número de beneficiarios/as finais do acordo, oscilando entre o 100% do custo do bono bus para un máximo de 12 beneficiarios/as e un 30 % do custo no suposto de que haxa entre 31 e 40 beneficiarios/as.